Medio cento de veciños implicarase na Matanza Tradicional deste domingo

O domingo 17 celebrarase o Cocido Miúdo, un festival musical para público familiar

Participantes na presentación da XX Matanza Tradicional do Porco, este xoves, na Casa de Amador. B.P. (Feira do Cocido, Lalín)
photo_camera Participantes na presentación da XX Matanza Tradicional do Porco, este xoves, na Casa de Amador. B.P.

A parroquia lalinense de Donsión ten todo listo para acoller o domingo, día 10, a XX Matanza Tradicional do Porco, antesala da celebración da Feira do Cocido do próximo 24 de febreiro. Unha representación do medio cento de veciños que está implicada na súa organización presentou onte o programa da recreación, que este ano terá lugar na coñecida como Casa de Amador.

No acto participaron tamén o alcalde, Rafael Cuíña e os edís Miguel Medela e José Manuel Fernández. As actividades da xornada dominical comezarán arredor das 10.30 horas e consistirán na escenificación das distintas tarefas que implica o proceso da mata, tales como o chamusco, o baleirado de vísceras, a colga, a corta da carne, a salazón ou o preparado dos chourizos e da zorza. A peza que se sacrificará será un porco de preto duns 200 quilos.

O xantar servirase arredor das 13.30 horas, baixo unha gran carpa diante do local social da parroquia. Haberá empanada, xamón asado, chourizos, torresmos, filloas de sangue e outros postres típicos como orellas, rosquillas, bica, manguitos, biscoitos e tartas. Unha exhibición de coches clásicos no campo da festa sumarase á cita, que animarán Os Gaiteiros de Moneixas e a Charanga Os Verbeneros.

A parroquia comezou cos preparativos da matanza en novembro e logrou a implicación directa de preto de 50 persoas. "Que máis da metade da súa poboación estea anotada para a organización di moito e ben desta parroquia. Donsión sempre foi un lugar de xente disposta a colaborar, con iniciativa, e consideramos que era a acaída para este ano", sinalou o rexedor, quen tamén agradeceu ó propietario da Casa de Amador que poña a vivenda a disposición dos veciños para esta celebración.

Cuíña convidou a lalinenses e a foráneos a acudir á recreación "porque é parte da nosa historia e da nosa condición de pobo en tempos nos que a tecnoloxía tende a matar as tradicións", dixo.

COCIDO MIÚDO. O programación da Feira do Cocido conta, asimesmo, con actividades para os máis cativos. O domingo 17 celebrarase o Cocido Miúdo, un festival musical para público familiar.

Será no Campo da Feira a partir das 16.30 horas e actuarán Pakolas, María Fumaça e Trotaventos. Ademais, haberá obradoiros organizados por Castrodeza.

Comentarios