martes. 17.09.2019 |
El tiempo
martes. 17.09.2019
El tiempo

A mellora do pavillón de Forcarei estará lista a finais do verán

Aspecto que presenta na actualidade a fachada exterior das instalacións polideportivas. CEDIDA
Aspecto que presenta na actualidade a fachada exterior das instalacións polideportivas. CEDIDA
A obra inclúe a rehabilitación da fachada exterior e conta cun prazo de execución de 30 días, sinala o Concello

A empresa Acevi acometerá as obras promovidas polo Concello nos vestiarios do pavillón polideportivo de Forcarei, situado na rúa Progreso. Tal e como explica a propia Administración municipal, trátase dunha actuación que implicará a rehabilitación da cimentación, das fachadas exteriores e da cuberta desta instalación. A obra foi adxudicada en case 41.000 euros, IVE incluido, e un prazo de execución de trinta días. Deste xeito, se non se produce ningún imprevisto de última hora, as instalacións deberían estar a disposición dos usuarios co seu novo aspecto a finais deste mesmo verán.

O proxecto implica a demolición do muro de formigón de contención e a súa reconstrución para estabilizar a instalación. Ademais, o Goberno local de Forcarei confirma que, a maiores, "actuarase nas fachadas para renovar o seu acabado", con revestimento de paneis, e cambiarase a cuberta, mellorando as condicións técnicas e acústicas do inmoble. A obra prevé tamén a habilitación de beirarrúa na contorna.

A alcaldesa, a socialista Verónica Pichel, axilizou o proceso de contratación que quedara pendente dende pasado mes de xuño, co obxectivo de cumprir os prazos fixados pola Xunta de Galicia, administración que financia esta actuación. Deste xeito, o Concello de Forcarei quere poñer a punto unhas instalacións moi utilizadas polos veciños da vila.

A mellora do pavillón de Forcarei estará lista a finais do verán
Comentarios