As mellores frisonas de 24 ganderías de Deza e Tabeirós compiten en Lalín

Un total de 82 animais participan na trixésimo cuarta edición de Feiradeza, que este domingo celebra a décima Poxa de Gando Frisón

As primeiras reses en saír á pista do recinto feiral lalinense, xulgadas polo catalán Pol Collell. B.P.
photo_camera As primeiras reses en saír á pista do recinto feiral lalinense, xulgadas polo catalán Pol Collell. B.P.

O recinto feiral de Lalín é dende onte a pasarela pola que desfilan os mellores exemplares de gando frisón das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Na trixésimo cuarta edición de Feiradeza están a participar 82 reses, 22 menos das que se inscribiron nun primeiro momento. Son animais procedentes de 24 ganderías de diferentes concellos da zona que compiten por facerse un oco entre os mellores na xenética de raza frisona.

"Isto é unha representación do que somos no Deza", asegurou o concelleiro de Produción Agrogandeira e tenente de alcalde de Lalín, Nicolás González, na apertura do certame. "A calidade que temos aquí é produto dun traballo continuado", das explotacións e de organismos como Africor Pontevedra, a quen agradeceu o seu labor.

A feira iniciouse o sábado pola tarde e acolleu as primeiras fases do XXIV Concurso de Gando Frisón Feiradeza, nas seccións de xatas e xovencas, animais con idades comprendidas entre os oito e os 16 meses, no primeiro caso; e entre os 17 e 26 meses, no segundo. A última actividade do día foi o XIX Concurso Novos Manexadores. Este domingo competirán as seccións de vacas de leite e celebrarase a X Poxa de Gando Frisón. A continuación, arredor das 14.30 horas, será a entrega de premios e o sorteo dunha xata e dunha xovenca preñada valoradas en 500 e 1.000 euros, respectivamente.

XUÍZ CATALÁN. O concurso está a ser xulgado polo xuíz nacional Pol Collell, un catalán de 32 anos que iniciou a súa formación en Lalín.

"Esto es un negocio vocacional; cuesta mucho ganarse la vida a pesar de la profesionalidad que hay", dixo sobre o sector gandeiro antes de iniciar o certame.

Comentarios