O domingo día 12, no Auditorio Xosé Raído, Patelas, de Cuntis, celebrouse a presentación do libro titulado Caracol, cara de col, de Baia Fernández, que estivo acompañada no acto por Martinho e Héitor Picallo e a cantareira Marina, ademais dunha ducia de rapaces no estrado e un cento de pais e fillos nas butacas.
Debullando o millo, mentres falaban, houbo tempo para os recordos da infancia, os agradecementos a todos os que fixeron posible esta publicación, a música e as pintacaras.
Ilustrado por Tania Solla e deseñado por Martinho Picallo, é o segundo título da colección Obxectivo Alambique. Despois de Laia, ilustrado por Leandro Lamas, é a terceira publicación de Baia Fernández, que en 2015 publicou Unha viaxe de ruminantes.
"Obxectivo Alambique é un proxecto co que pretendo crear un hábito, non só de lectura, senón tamén de reflexión. Son contos que te convidan a debullar as súas letras para atopar mensaxes ocultas (unhas máis ca outras) que logo poderás integrar na túa vida e ir evolucionando", explica a autora. Cara col, cara de col é, entre outras cousas, unha mensaxe contra o acoso escolar.
"Por iso digo que non son só para crianzas. Adoro ver o que provocan nelas, a curiosidade, a creatividade... Mais tamén son para público adulto, porque estas pequenas historias non son máis ca metáforas de experiencias que todas, en certa medida, temos vivido ou estamos vivindo", engade.
Outro reto que se propón é achegar os contos a persoas que teñen dificultades para ler, ben sexa por dislexia, déficit de atención, TEA ou, incluso dificultades visuais. Este libro conta con unha tipografía específica para facilitar a lectura a persoas con dislexia. Ademáis, conta con un audio-conto, en galego e en castelán, tanto para aquelas persoas que non coñecen o idioma como para aquelas que teñen dificultades visuais ou de comprensión lectora.