Carlos Loureiro: "O mesmo García Barros dicía que se lle chegasen a pillar estes tres ensaios, fusilábano"

A Estrada acolleu este martes a presentación de A pluma insubmisa. Ensaios inéditos de Manuel García Barros, un traballo de Carlos Loureiro e Xesús Domínguez que recolle tres aritgos do xornalista e escritor local. Neles, Fulgencio Tizón, ó que o Réxime lle retirara o títulde mestre reflexionaba sobre "as contradiccións da Igrexa"
Lureiro (dereita), na presentación do libro no Mome estradense. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Lureiro (dereita), na presentación do libro no Mome estradense. PATRICIA FIGUEIRAS

FULGENCIO TIZÓN é o pseudónimo que o estradense Manuel García Barros (1876-1972), tamén coñecido como Ken Keirades, escolleu para asinar os seus tres relatos máis comprometidos e comprometedores: ensaios inéditos sobre o seu pensamento relixioso que outros dous veciños da localidade, Xesús Domínguez e Carlos Loureiro, sacan agora á luz da man da editorial Galaxia.

Que material recolle A pluma insubmisa. Ensaios inéditos de Manuel García Barros?

Son tres ensaios moi extensos que fixo entre os anos 1939 e 1945 sobre o seu pensamento relixioso. El ata a Guerra foi máis ou menos crente, pero cando entrou o posicionamento da Igrexa, sempre de parte dos opresores, volveuse totalmente irreverente. Son tres ensaios que estaban practicamente ocultos. Se llos chegasen a pillar durante a Dictadura, el mesmo dicía que o fusilaban.

Moi pouca xente era coñecedora da existencia destes textos. Como chegan vostedes a eles?

O fillo foi quen mos pasou. Tanto eu como Xoán Carlos Garrido [historiador] coñecemos á familia. Estiveron sempre aí. Foise facendo referencia a eles durante a democracia, pero se non era unha persoa que estivese estudando a figura de García Barros, ninguén tiña acceso a eles. Agora Galaxia, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, apostou por sacalos á luz.

"Actuaba como pensaba. Foi criado nun ambiente cristián, pero gustáballe buscarlle o porqué ás cousas"

Son os tres de temática relixiosa, por que esta escolla?

Comezamos por estes porque son os máis inéditos. Máis adiante van saír máis ensaios del, da temática máis variada. A finalidade é que nun futuro a xente que queira estudar en profundidade a súa vida, a súa obra, o seu pensamento, teña acceso a todo. Queremos facer publicacións dun abano de artigos que abrangan todo o seu pensamento, dende o galeguismo, á música... todo.

Como bo coñecedor da traxectoria de García Barros, hai algún aspecto da súa faceta de ensaísta que lle sorprendese?

Nestes tres ensaios o que fai é xulgar tódalas maniobras da Igrexa Católica sempre contrastándoas con exemplos, é dicir, opoñendo o que se quere facer crer coa realidade. Son textos bastante lexibles nos que utiliza moitísimo o exemplo, non o falar por falar, demostrando veces as contradicións da propia Igrexa, que di unha cousa e fai outra. Non me sorprendeu nada. É o García Barros en esencia. Era unha persoa que actuaba conforme pensaba. Foi criado nun ambiente cristián, pero gustáballe sempre atoparlle o porqué ás cousas. Ó ver o posicionamento da Igrexa, actuou en consecuencia.

"Queremos facer publicacións dun abano de artigos que abrangan todo o seu pensamento"

Tamén se deixa notar nestes ensaios a retranca que o caracteriza en Contiños da terra?

A retranca déixaa para a súa literatura. Os ensaios son máis serios. O que pasou é que el era mestre dende 1905 e ó mes e pico do Alcamento, como lle pasou a moitos mestres da Estrada, quitáronlle o título e non o volveu ver na vida. Entón, tivo que volver dedicarse á agricultura e, entón, foi escribindo os seus pensamentos.

Son artigos escritos en castelán...

Sempre escribía en galego, pero fíxoos en castelán porque, el mesmo o xustifica, parecíanlle ensaios máis universais. Explicou en cartas que de bo agrado os faría en galego, pero que era para que lle chegaran a máis xente. Nós traducímolo, pero xustificado cos datos da súa correspondencia. 

Comentarios