Modesta Montoto Areán e David Liñares, premiados cos Gastronomía de Galicia

O xurado decidiu recoñecer tamén as traxectorias de Xosé Torres Cannas, do Restaurante Pepe Vieira, Aceites Abril e Adega Algueira
O xurado da XXIX edición dos Premios de Gastronomía de Galicia, o luns, no Concello de Lalín. DP
photo_camera O xurado da XXIX edición dos Premios de Gastronomía de Galicia, o luns, no Concello de Lalín. DP

O alcalde de Lalín, José Crespo, presidiu o luns a reunión do xurado da XXIX edición dos Premios de Gastronomía de Galicia na que dous lalinenses se alzaron con premios: Modesta Montoto Areán, de Restaurante Villanueva, co premio Pepe Solla ao labor de toda unha vida dedicada á gastronomía galega, e David Liñares González, de Liñares Apicultura, co galardón ao Pequeno produtor galego.

O xurado decidiu outorgar o premio Pepe Solla ao labor de toda unha vida a Modesta Montoto Areán pola súa traxectoria no municipio dezano xa dende os anos 70.

No apartado do Profesional que máis se distinguira na potenciación da Cociña Galega, o galardón recaeu, por decisión do xurado, na persoa Xosé Torres Cannas, do Restaurante Pepe Vieira, que logrou este ano a segunda estrela Michelín.

O xurado distinguiu, na categoría do premio á Empresa ou entidade que máis contribuíu á promoción da gastronomía Galega e dos produtos gastronómicos galegos a Aceites Abril pola súa traxectoria e tamén por accións que están a tomar como o traballo na recuperación de variedades autóctonas.

A empresa de Liñares Apicultura, de David Liñares, natural de Lalín, foi recoñecida co galardón ao Pequeno produtor que máis se destacou no ano pasado, pola innovación que estivo e está a facer no eido da apicultura e a repercusión que está tendo a nivel nacional e internacional.

Por último, no apartado do premio á Adega ou empresa vitivinícola o galardón recaeu na Adega Algueira (Doade, Sober), debido á súa traxectoria ao longo do tempo e á calidade de produtos cos que levan décadas deleitando a todos os amantes do viño.

Os premios de Gastronomía de Galicia entregaranse xunto ao Álvaro Cunqueiro na Gala do Cocido o vindeiro venres 10 de febreiro, no Lalín Arena.

Comentarios