Unha mostra amosa o cambio da provincia desde a Idade de Bronce

A exposición 'Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza' da Deputación poderá verse no Pazo de Liñares ata o 24 de maio
Carmela Silva e José Crespo inauguraron a exposición. CEDIDA
photo_camera Carmela Silva e José Crespo inauguraron a exposición. CEDIDA

A Deputación de Pontevedra pretende achegar o importante legado arqueolóxico da provincia ao conxunto da cidadanía. Tralo éxito de Galaicos no Museo de Pontevedra e durante o seu paso por Madrid e Valencia, a institución trae agora ata o Pazo de Liñares a exposición Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza cun total de 36 obxectos arqueolóxicos e etnográficos, así como réplicas de elementos singulares.

Esta exposición pretende mostrar a progresiva pero evidente transformación da paisaxe desde a Idade de Bronce ata a actualidade. Trátase dunha mostra divulgativa na que as fotografías e as ilustracións teñen un especial protagonismo, dando soporte á idea de Pontevedra como territorio de intercambio cultural desde a Prehistoria ata a Antigüidade tardía.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, enxalzou durante a inauguración da mostra "a posición de centralidade" xogada pola provincia de Pontevedra entre o Atlántico e o Mediterráneo. "Fomos un territorio de intercambio cultural, comercial e social con todos os pobos que interactuaron na Ruta dos Fenicios", subliñou acompañada polo alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e polo rexedor de Silleda, Manuel Cuiña.

Pegadas na paisaxe está concibida para promover as visitas aos castros e xacementos do Deza, pero tamén aos centros etnográficos de todo o norte de Pontevedra. Conta con pezas en préstamo do Museo de Pontevedra, a Casa do Patrón en Doade e o Centro Etnográfico de Terra de Montes, en Soutelo de Montes.

Ademais, Silva explicou que a mostra acompáñase dun elemento didáctico concibido para nenas e nenos de 9 a 12 anos. Ofreceranse distintos xogos para que poidan descubrir os contidos de maneira lúdica.

Comentarios