Mouriscade logra situar sete reses entre as mellores a nivel estatal

Ata o de agora a Finca, xestionada pola Deputación de Pontevedra, carecía de animais en posicións tan elevadas
Animais da Finca de Mouriscade.
photo_camera Animais da Finca de Mouriscade. DP

A nova xuntanza do comité de expertos e expertas, creado no marco do plan de dinamización de Mouriscade, vén de facer balance do programa de mellora xenética que está a levar a cabo o centro da Deputación de Pontevedra, co que naceron ata o de agora 15 femias e outras sete están neste momento pendentes de parto, todas elas dun elevado valor xenético.

Os primeiros resultados deste programa poden cualificarse de históricos, xa que dúas das reses da finca se teñen situado entre as cen mellores de todo o Estado (nos postos 21 e 99 respectivamente) por índice ICO, e outras cinco no ranking dos 1.000 exemplares con máis alta puntuación. Ata o de agora Mouriscade carecía de reses en posicións tan elevadas.

A finca logra tamén unha espectacular subida na última avaliación xenética das mellores explotacións por ICO e pasa a situarse no posto número 25 de todo o Estado, dez por riba da lista de xuño de 2021, o que acredita a boa dirección das accións emprendidas. Ademais, co fin de diversificar a procedencia da xenética a incorporar á finca, e abrirlle as e os gandeiros novas expectativas nas súas granxas, as tenreiras nacidas, estanse a testar non só a España, senón tamén a Italia, Estados Unidos e Canadá, "obténdose resultados asombrosos, entre os que pode destacar unha becerra situada entre as 100 mellores de toda Italia", apunta o organismo provincial.

Así, na xuntanza explicouse, ademais, que se está en condicións de asegurar o máximo estatus sanitario, xa que se realizan controis serolóxicos a todo o efectivo da gandaría, concluíndo que grazas ás medidas de bioseguridade implementadas no centro, o 100% dos animais son libres de enfermidades de control de ADS. Tamén se teñen posto en marcha novas medidas para mellorar aínda máis o benestar animal, con novas melloras das instalacións, a compra de moderno equipamento para o seu coidado e incluso formación específica para o persoal.

Feira Deza 2022. O alto nivel xenético das reses de Mouriscade poñerase a disposición das e dos gandeiros non só a través dos seus embrións, senón que tamén se levarán á poxa de Feiradeza uns 20 exemplares "de altisimo nivel xenético que, estando aínda en idade reprodutiva e contando con todas as garantías sanitarias, servirán para mellorar as cabanas da provincia", que é o principal obxectivo que se fixou a Deputación no Plan de Dinamización do centro, concreta.

Comentarios