‘Móvete’ reclama medidas contra o ataque do xabarín

Unha plantación danada polo ataque dun xabarín.

O colectivo estradense insta á Xunta a que actúe canto antes

O Movemento Veciñal Estradense ‘Móvete’ reclama á Xunta de Galicia medidas "inmediatas" para solucionar os problemas que están a causar os ataques do xabarín en diferentes lugares da vila. Unha das peticións que fai o colectivo é que se garanticen indemnizacións "que cubran a totalidade dos danos provocados polos animais e predadores en explotacións agrícolas". Ademais, a agrupación entende que tamén urxe "impulsar canto antes estratexias de prevención".

‘Móvete’ bota en falta "unha política real orientada a loitar en favor dos intereses do rural". Esta carencia provoca que as consecuencias da presenza do xabarín na comarca "acaben por converterse nun grave problema para os veciños". Ademais, a asociación estradense lembra que en setembro de 2015 o Concello aprobou unha moción para esixir á Administración autonómica que garantise as indemnizacións aos afectados. A pesar de que a proposta "obtivo o acordo unánime de toda a Corporación, o Goberno local non foi quen de defendela ante a Xunta de Galicia, polo que, tres anos despois, a problemática é cada vez máis grave", lamentan os dirixentes da agrupación local.

Neste sentido, Móvete tamén reclama iniciativas "para manter o equilibrio, controlar a poboación desta especie e, sobre todo, pagar os danos que se xeran cando se produzan ataques". O Movemento Veciñal Estradense insiste en que este problema xa tiña que terse atallado hai  varios anos.