A muller que se buscaba en Silleda preséntase no cuartel da Garda Civil en Lestedo

Indicou que estaba a facer o Camiño


O dispositivo de procura establecido na contorna de Silleda (Pontevedra) para buscar a unha muller que estaba desaparecida desde este domingo desactivouse despois de que se presentara polo seu propio pé no cuartel de Lestedo (A Coruña) e indicase que estaba a realizar o Camiño de Santiago. 

Segundo a información facilitada pola Garda Civil a Europa Press a muller acudiu ao cuartel para informar que extraviara a súa documentación. 

Precisamente, axentes da Garda Civil atoparan os seus documentos no interior dun bolso en Silleda nos últimos días. No dispositivo participaron o martes membros do Grupo de Apoio Loxístico da Axega e cans de rescate de Protección Civil de Padrón.