A muller será a protagonista do cartel da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis

A artista, Sou Too, traslada a esta obra a ledicia do evento gastronómico e o potencial termal da vila
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a artista Sou Too.
photo_camera O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a artista Sou Too.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, presentou onte pola mañá o cartel promocional da nova edición da Festa do Lacón con Grelos que terá lugar o vindeiro 26 de febreiro na localidade. Fíxoo acompañado da súa autora, a artista de Arcos de Furco, Soledad Souto coñecida profesionalmente como Sou Too, que está previsto que o vindeiro mes de marzo realice unha exposición individual na Casa de Cultura Roberto Blanco Torres.

A artista local apostou por un cartel innovador cunha muller nova e soa gozando da festa como elemento principal, nunha clara alusión ao protagonismo feminino na sociedade actual, o que leva á promoción do evento gastronómico máis importante do municipio o empoderamento feminino e a igualdade.

A creación artística de Sou Too recolle a ledicia que se rexistra en todo o municipio cuntiense coa Festa do Lacón con Grelos cun grupo de xente reunida entorno a una mesa e fai un guiño tamén a outro dos emblemas locais, o termalismo. Nas gafas da protagonista do cartel pódese apreciar o reflexo da burga da Rúa Real.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, destaca a capacidade creativa de Sou Too e recorda que o Concello delega cada ano nun artista local o deseño do cartel promocional deste evento; un encargo que a artista, que comezou a pintar aos 16 anos en Vigo da man do arxentino Alberto Castro Couso, acolleu con moito cariño. Na actualidade, e tras una formación xuvenil na Escola de Artes e Oficios de Vigo, adícase ao retrato con grafito e fai exposicións individuais.

Comentarios