Detida a exparella da muller ferida en Cuntis durante un asalto á súa vivenda

O home entrou de madrugada nunha vivenda do lugar de Belai, onde durmían a vítima e dúas fillas menores

Vivenda asaltada en Cuntis. TVG
photo_camera Vivenda asaltada en Cuntis. TVG

Axentes da Garda Civil detiveron na tarde do mércores ao home que presuntamente de madrugada asaltou a vivenda na que vive a súa exmuller no lugar de Belai pertencente á parroquia cuntiense de San Mamede de Piñeiro.

Segundo relataron varios veciños á Televisión de Galicia, a vítima atopábase durmindo no interior do seu domicilio en compañía das súas dúas fillas menores. Foi entón, segundo apunta o testemuño veciñal, cando un home, coa cara cuberta e armado cun martelo, entrou na casa a través dunha xanela, evitando as cámaras de seguridade do inmoble.

Ao darse conta da súa presenza, a muller tentou escapar tirándose por unha xanela e rompeu os dous nocellos, polo que foi trasladada ao Hospital de Montecelo.

A vítima denunciara ante a Garda Civil con anterioridade distintas ameazas da súa exparella, tanto de forma persoal como por teléfono. 

Os servizos sociais de Cuntis, segundo os investigadores, xa tiñan constancia de incidentes previos e de que a muller se sentía ameazada pola súa exparella, coa que, ao parecer, tiña desavinzas pola vivenda na que reside.

A Garda Civil trata agora de aclarar se el foi o asaltante da vivenda ou se foi unha terceira persoa a que irrompeu no fogar da vítima.

Comentarios