O Museo Galego da Marioneta pecha polos "incumprimentos" do Concello de Lalín

Viravolta Títeres carga con dureza contra o Goberno local, ao que acusa da situación

Pilar Álvarez, Julio Balado e Anxo García, integrantes de Viravolta, durante a rolda de prensa. CEDIDA
photo_camera Pilar Álvarez, Julio Balado e Anxo García, integrantes de Viravolta, durante a rolda de prensa. CEDIDA

O Museo Galego da Marioneta, o único de toda Galicia, pecha as súas portas de maneira definitiva pola "fartura que provoca bater coa realidade burocrática", segundo informa Viravolta Títeres nun comunicado.

Esta compañía, chave no traslado deste museo ao Pazo de Liñares (Lalín), está formada por Pilar Álvarez, Julio Balado e Anxo García, quenes ofreceron este martes unha rolda de prensa no Café Camilo para explicar os motivos do peche. Alí, o grupo cargou contra o Concello lalinense polos seus "incumprimentos" á hora de outorgarlle ao museo "unha entidade xurídica tras 19 anos de traxectoria", nos que a comarca do Deza convertiuse nunha referencia para o teatro de monicreques. 

INCUMPRIMENTOS. Dende Viravolta sinalan que, malia que o Concello elaborou un anteproxecto para o Museo e desenvolveu a catalogación dos seus fondos, dando así os pasos necesarios para dotalo de entidade xurídica, ambas accións implicaban unha serie de condicións que non foron cumpridas.

A compañía fai referencia así ao anteproxecto de 2017, cuxo obxectivo final é dotar de estrutura xurídica ao Museo, que ve dificultado enormemente o seu funcionamento por esta carencia, xa que resulta imposible contar con orzamentos, contratar persoal ou optar a subvencións e convenios coas administracións autonómicas e estatais.