Se non está no Belén de Valga, non sucedeu

O alcalde, José María Bello Maneiro, e o director de Turismo, José Manuel Merelles, inauguraron o nacemento artesanal no que aparecen Rubiales, Puigdemont, Jeff Bezzos, Carlos de Inglaterra, Leonor, Tina Turner e ata a cabra que quixo votar

Non hai novidade, de carácter local, autonómico, nacional ou internacional, que non sexa merecedora de estar no Belén Artesanal de Valga. E se non está, pódese considerar, que non foi relevante. 
O belén con movemento máis importante de Galicia abriu onte domingo as súas portas para dar comezo á súa XXIX edición, e no acto non faltaron o alcalde, José María Bello Maneiro, o máximo responsable de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, e o delegado en Pontevedra da Xunta, Agustín Reguera.

Valga 3
A xura da Constitución de dona Leonor de Borbón é un dos seus 'momentos' deste 2023.  R. FARIÑA

Con eles, centos de persoas deron a primeira volta arredor da composición máis emblemática dos beléns tradicionais na que non faltan o nacemento, o castelo de Herodes (renovado este ano) e outras composicións emblemáticas, pero na que tamén contan coa achega do traballo anual dos artesáns locais, da Asociación Amigos do Belén de Valga, que recollen toda a actualidade significativa para que o Belén se manteña vivo, ano a ano. 

E no 2023 non faltou material para completar un belén que ben podería ocupar moito máis que os 400 metros cadrados de superficie que abarca. Así, no plano político, as eleccións municipais e nacionais aparecen reflectidas (as segundas co cara a cara de La Sexta entre Pedro Sánchez e Feijóo), e os resultados e as súas consecuencias con escenas como o encontro de Yolanda Díaz con Puigdemont, a manifestación das forzas de dereitas en contra da amnistía. No aspecto deportivo, aparecen as campioas do mundo de fútbol, da Selección Española, e tamén o polémico capítulo de Rubiales e o bico a Jenni Hermoso, aínda que coa agudeza suficiente como para non repetir a escea e presentar a un Luis Rubiales flanqueado por dous axentes de Policía.

Famoseo

En clave de papel ‘couché’ outra das maiores fontes de referencia das 4.500 pezas Belén Artesanal de Valga, aparecen dúas vodas: a de Tamara Falcó e a de Chabelita Pantoja, así como o natalicio da filla-neta de Ana Obregón, coa exclusiva que deu a volta ao mundo, da artista saíndo coa cativa en cadeira de rodas dun hospital de Miami. 

Do mundo da realeza, aparece reflectida a entronización de Carlos III de Inglaterra co acto oficial na Abadía de Westminster, e no plano nacional toma protagonismo absoluto Leonor de Borbón, cuxo 18 aniversario foi recollido co acto da xura da Constitución e que fai ‘doblete’ ao aparecer tamén o día da súa xura de bandeira.

Valga 1
Rubiales conta con espazo propio no belén, separado das campionas do mundo. R. FARIÑA

Non faltan novas do panorama internacional, como o voo espacial de Jeff Bezos, fundador de Amazon, ou do máis estrito plano local, como a inauguración do miradoiro de Perdiz, o éxito dos Mozos da Arousa na televisión, ou o momento no que unha cabra entrou nun colexio electoral, o de Setecoros, o pasado mes de maio, nas eleccións municipais. 

Nunca faltan obituarios e os deste ano, en forma de persoeiros van para Pepe Domingo Castaño, Tina Turner, Carmen Sevilla, María Jiménez, Antonio Gala, Amancio e María Teresa Campos, entre outros. 

O belén estará aberto ata o día 14 de xaneiro nos seguintes horarios: de luns a venres, de 17.30 a 20.30 horas; os sábados de 17.00 a 20.30; e os domingos e festivos de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. Para visitas de grupos pódese solicitar cita no 630 95 25 15.

Na guía da Xunta

A Xunta propón vivir este ‘Nadal en Galicia’ co seu produto de promoción no que aglutina diferentes propostas que se celebran nas catro provincias e convida a coñecer o destino tamén nestas datas poñendo así en valor o seu potencial turístico.

Entre elas inclúese o Belén Artesanal de Valga, que ademais xa conta coa declaración de Interese Turístico. Na súa visita para a inauguración, o responsable de Turismo de Galicia puido comprobar que gran parte das pezas deste belén están en movemento.

‘Nadal en Galicia’ tamén inclúe o de Begonte, que conta co mesmo recoñecemento. Nel destacan as súas pezas artesanais e mecanismos con figuras que se renovan cada ano, feitas polos veciños. Desde a súa orixe creceu tanto que a sala adxacente está dedicada ao Museo do Belén.

De feito alí tamén se pode ver o primeiro mecanismo que movía esta estructura nos 70 así como as antigas pezas que van sendo retiradas.

Súmanse outras propostas de beléns destacados nas catro provincias así como os mercados navideños con artesanos, produtores, comerciantes que exhibirán e venderán os seus productos locais, pezas e colección de decoración nas principais cidades.

Desestacionalizar
Distintas opcións de lecer familiar, así como grandes espectáculos como OVO, do Circo do Sol, que conta co apoio económico da Xunta de Galicia e que se celebrará do 3 ao 5 de xaneiro, así como visitas guiadas especiais ou a iluminación que levará a cabo o Goberno autonómico en distintos monumentos e espazos patrimoniais do Camiño de Santiago tamén forman parte da oferta.

Comentarios