Henrique Bazal: "Nós empezamos cos desbroces e limpamos máis de 140 hectáreas"

O próximo 3 de novembro, os veciños de Sabucedo están chamados á urna para elixir novo presidente da Asociación Rapa das Bestas. O actual, Henrique Bazal, deixa a primeira liña logo de catro anos, pero seguirá colaborando co futuro equipo para dar continuidade ó traballo feito
Henrique Bazal. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Henrique Bazal. PATRICIA FIGUEIRAS

Deixará a presidencia da Asociación Rapa das Bestas o próximo 3 de novembro despois de catro anos nos que se implicou "moitísimo", dedicándolle "tódolos días" un anaco do seu tempo. Di que continuará "axudando o máximo posible a quen entre", pero xa aloitando nun segundo plano. 

Facendo repaso destes catro anos, con que momentos se queda? Hóuboos bos, pero tamén malos... 
Os mellores momentos están por vir. Os froitos ímolos recoller en breve. O peor momento, sen dúbida, foi o primeiro ano, entre que constituimos os grupos de traballo e se puxeron a funcionar. Dividimos todo por áreas: unha para temas de monte, outra para redes sociais, outra encárgase só do curro, outra leva todo o apartado de música... Están funcionando ben e espero que quen veña as manteña porque é a forma máis natural de ter ó pobo unido. Iso fixo que se implicase moita máis xente, porque uns tiran por outros. Non traballamos só cinco, senón todo Sabucedo. Outra cousa que fixemos foi o acordo con Estrella Galicia, que ata entón non había ningún patrocinador. Introducimos un ‘sponsor’, que nos axudou a sanear as contas, fixemos unha revista... Houbo cousas que penso habería que manter. 

Canta xente está implicada coa Rapa e con Sabucedo? 
Todo o pobo. E tamén temos xente de fóra que colabora asiduamente. Por darche un dato: no grupo do curro, vale que só traballa os tres días do curro, pero o ano pasado había 50 persoas, entre acomodadores, taquillas, o control con lectores, etc. Fixeron quendas para que todos puidesen traballar e, ó mesmo tempo, gozar. 

O peor foi o primeiro ano, mentres constituimos os grupos de traballo. Os mellores momentos están por vir

Voltando ás valoracións, fala das dificultades do primeiro ano, pero outro dos problemas está sendo a merma da cabana de Sabucedo e a falta de alimento no monte. 
Si. Nós empezamos cos desbroces, que non se facían. Pedimos axuda, tivemos reunión coa conselleira, pero non acabou de saír, así que decidimos facelo pola nosa conta. Nos catro anos levamos máis de 140 hectáreas de desbroces, facendo o groso nos últimos dous. Creo que a idea ten que seguir, porque funciona. De feito, estamos conveniando co Concello para que nos faga unhas limpezas este ano e o próximo. Tamén estamos pendentes de crear un posto de traballo a través do Fondo de Compensación Ambiental. Temos o compromiso de que sairá. 

Ten algunha espiña cravada? Algo que lle gustaría deixar feito e non puido? 
Si, claro. O proxecto do peche perimetral empeceino eu e penso que é unha das mellores opcións que temos para a problemática que hai. Está negociado, só faltan uns frecos. Á persoa que veña quédalle moito traballo feito. Estamos comprando bestas, sobre todo, para manter o que hai. Aínda tivemos ataque de lobo esta mesma semana... Hai cousas que se poden mellorar. Quen entre ten tamén un reto a futuro difícil, que hai que pelexar, pois queren montar unha Sofor ‘[Sociedade de Xestión Forestal] entre Xubrei e Montillón e pechar boa parte do monte. Se non deixan entrar animais, teremos un problema grave. 

Os catro anos de mandato cumpríronse en agosto, pero adiaron tres meses máis o proceso de elección de nova directiva. Por que?
Fixémolo coincidir xusto despois do Musa [Muiñada, Magosto e Samaín] porque van vir moitos veciños de fóra e é a mellor data para estar todos. Tradicinoalmente, facíase por San Lourenzo, pero como temos o novo proxecto de valorización e xestión dos cabalos bravos por xustificar, puxen esta data para que me dera tempo de deixar todo feito. O 3 de novembro, entre as once da mañá e as seis da tarde, poñerase unha urna e os veciños de Sabucedo e as súas parellas poderán votar.

Queremos arranxar a Casa Reitoral para facer un museo e desestacionalizar a Rapa

Hai tempo que se fala da petición de declaración da aldea de Sabucedo como Ben de Interese Cultural. Na última Rapa mesmo houbo o compromiso do conselleiro de Turismo de apoiala. Houbo avances ó respecto? 
Reuninme esta semana con Constenla [o edil de Cultura] e díxome o mesmo de sempre: ‘estamos nelo’. Hai que seguir pedindo, porque, ademais, temos o compromiso do conselleiro. A información está recabada, pero no caixón. 

Outro proxecto en mente é a reutilización da Casa Reitoral... 
Queremos arranxala para facer un museo ou un centro de interpretación permanente da Rapa, para desestacionalizada. Reunimos tódolos requisitos para obter fondos do GDR, pero non son suficientes. Temos que presentar o proxecto e ver como complementamos o resto do financiamento. Iso, xunto co albergue, a ruta e o muíño, daríalle un contido suficiente a Sabudedo como para atraer pernoctacións. Son postos de traballo para que a xente da aldea quede e non teña que emigrar.

Comentarios