Un novo médico reforza a asistencia sanitaria no centro de saúde de Forcarei

O facultativo Gustavo Brea complementa as súas funcións noutro servizo sanitario coa atención médica no concello forcaricense
Gustavo Brea e Verónica Pichel no ambulatorio forcaricense. DP
photo_camera Gustavo Brea e Verónica Pichel no ambulatorio forcaricense. DP

O centro de saúde de Forcarei conta desde este mércores co reforzo dun novo médico que atenderá aos pacientes varios días á semana. O Sergas responde así a unha das xestións realizadas pola alcaldesa Verónica Pichel para mellorar a atención sanitaria no municipio.

Trátase dun facultativo veciño de Forcarei, Gustavo Brea, que desempeña a súa actividade noutro servizo sanitario dependente da Consellería de Sanidade e que agora complementa as súas funcións coa atención médica no centro de saúde forcaricense varios días á semana, dependendo das gardas que teña na súa actividade principal e en coordinación co outro médico do centro do municipio de Terra de Montes.

Este reforzo do servizo estará dispoñible, en principio, ata que se incorpore a médica titular, Catalina Vieiro, á que o Sergas adxudicou recentemente a praza no centro de saúde de Forcarei, pero que aínda non se puido incorporar ao posto pola súa baixa por maternidade.

Verónica Pichel xa solicitara en varias ocasións desde 2021 á Xerencia da área sanitaria e ao propio conselleiro de Sanidade esta posibilidade, pois era coñecedora da dispoñibilidade deste médico para poder traballar en Forcarei. "Agradecemos que por fin teñan atendido a nosa petición e confiamos en que este reforzo axude a mellorar, polo menos de forma temporal, a atención médica de toda a veciñanza", comentou a alcaldesa.

Baixo mínimos

Dende mediados do 2020 o ambulatorio da localidade forcaricense estaba atendido por un único facultativo. No mes de xuño dese mesmo ano xubilouse unha médica e esa praza quedou sen cubrir durante moito tempo ata que accedeu ao servizo un novo médico interino. O outro doutor titular xubilouse oficialmente en marzo de 2022, pero levaba xa varios meses de baixa, co que o médico interino tivo que asumir todo o traballo e seguía, ata a actualidade, a ser o único facultativo que atendía no centro de saúde do Concello de Forcarei.

Comentarios