O Entroido sobe ó cabalo

Catro parroquias da Estrada, Silleda e Vila de Cruces acollerán entre o 4 e o 18 de febreiro o Alto dos Xenerais da Ulla, unha tradición que tamén se escenificará na vila estradense o Martes de Entroido

O Concello da Estrada presentou este xoves a súa programación. FIGUEIRAS
photo_camera O Concello da Estrada presentou este xoves a súa programación. FIGUEIRAS

A COMARCA NATURAL da Ulla conta cun dos carnavais rurais con máis raigame da comunidade. O Entroido dos Xenerais da Ulla, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2013 e do que hai testemuña dende mediados do século XIX, é unha das tradicións á entrada da Coresma que veciños de Vila de Cruces, Silleda e A Estrada seguen conservando. No programa desta edición, que nas comarcas de Deza e Tabeirós estreará a parroquia cruceña de Merza o 4 de febreiro e pechará a de Salgueiros (pertencente ó mesmo municipio) o día 18, participarán arredor de 60 xenerais, correos e centinelas que, impoñentes e a cabalo, percorrerán diferentes lugares dando os "vivas" e protagonizando os atranques, acompañados de exércitos de abandeirados, coros, comparsas e parrandas.

O Vello dos Cornos, personaxe único en Merza, volverá arremeter, unha edición máis, contra a xente (sobre todo as mulleres) que acuda a presenciar o arranque da programación dos Xenerais da Ulla na zona. Será o domingo 4 de febreiro a partires das 15.00 horas. Seguirano os mouros a cabalo dun burro, o escribano e o frade, sen que falte o desfile de carrozas, charangas e disfraces. Ás 17.00 horas será a quenda das catro parellas de xenerais, do centinela e do correo, que protagonizarán o primeiro atranque do ano nas comarcas.

A Bandeira (Silleda) celebrará unha "vellada" o venres 9 de febreiro á noitiña, como antesala ó día grande, o sábado 10. Ás 12.30 horas haberá un desfile con media ducia de cabezudos (unha das tradicións recuperadas hai uns anos) e ás 16.30 horas partirán as máscaras e a parrranda, encabezadas por once xenerais, un correo e un centinela, que irán dando os "vivas".

A Bandeira celebrará un Alto Infantil e Salgueiros recuperará os cantos protagonizados polo grupo dos cegos

Ás 17.30 horas, na Praza da Feira, está programado un Alto Infantil, coa participación de seis nenos, que deixarán paso ós adultos, media hora máis tarde. Pola noite, no Pavillón Municipal, actuarán Dúo Diseño, Trío Reflejo e DJ Troula.

Tamén o sábado día 10 a parroquia estradense de Santeles celebrará o seu Entroido. Dende as 11.30 horas, tres correos e 14 xenerais percorrerán os lugares da parte baixa da parroquia para dar os "vivas" e rematarán ás 18.30 horas no campo da festa para celebrar o tradicional atranque. Neste punto actuarán tamén o coro, as carrozas e as charangas. A mecánica repetirase o domingo día 11 nas aldeas da parte alta e, de novo, no campo da festa pola tarde, onde se volverá escenificar o atranque.

NA VILA ESTRADENSE. O Martes de Entroido, entre dez e doce xenerais e correos procedentes da parroquia de Santa Cristina de Vea desenvolverán na vila da Estrada o atranque. A súa chegada á Praza da Feira prevese para as 18.30 horas, logo do desfile de carrozas que partirá ás 16.00 horas da rúa Antón Losada e que contará coa participación das parroquias de Arnois, Riobó, Guimarei e Callobre e dalgunhas asociacións de pais e nais de colexios como os de O Foxo ou Oca. Tambén asistirán cabezudos da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada e a formación Straden´s Band Os Xirimbaos porá a música.

Pero o ambiente de Entroido na vila estradense comezará o 29 de xaneiro, coa apertura dunha exposición itinerante sobre os Xenerais da Ulla na Casa das Letras. Estará ata o 9 de febreiro de luns a venres, mañás e tardes, e os sábados en horario matinal.

Finalmente, será Salgueiros (Vila de Cruces) a localidade que poña punto e final á programación dos Xenerais. Será o día 18 de febreiro, Domingo de Piñata. Un correo e sete ou oito xenerais (dous máis que en anos anteriores) sairán ás 13.00 horas do campo da festa para percorrer as aldeas. Ás 16.00 horas xuntaranse no mesmo punto de partida para comezar o Alto. Logo intervirán os mouros, haberá os discursos do frade e do alcalde e daráselle paso ós cantos do grupo dos cegos, tradición recuperada este ano. Completarán os actos algunas obras teatrais.

O reloxo dos Xenerais

4 FEBREIRO. Merza. Vello dos Cornos dende as 15.00 horas e Alto ás 17.00 horas.

10 FEBREIRO . A Bandeira. Desfile de máscaras e parrandas ás 16.30 horas e Alto ás 17.30 horas.

10 FEBREIRO. Santeles. Vivas na parte baixa da parroquia pola mañá e Alto ás 18.30 horas.

11 FEBREIRO. Santeles. Vivas na parte alta da parroquia pola mañá e Alto ás 18.30 horas.

13 FEBREIRO. A Estrada. Alto ás 18.30 horas.

18 FEBREIRO. Salgueiros. Alto ás 16.00 horas.

 

Comentarios