"O feminismo xa é visible"

Azos Feministas é o nome do colectivo feminista que acaba de nacer en Lalín, impulsado por tres estudantes de Publicidade e Relacións Públicas, Psicoloxía e Administración e Finanzas ►Déronse a coñecer hai pouco máis dun mes e xa son un grupo de 92 persoas

Lucía Castro, Lucía Díaz e Belén Taboada, na Praza da Igrexa. B.P.
photo_camera Lucía Castro, Lucía Díaz e Belén Taboada, na Praza da Igrexa. B.P.

Casos coma os de Diana Quer ou La Manada leváronas a dicir "ata aquí", a decidirse dunha vez por todas a "dar un paso adiante", para facer visibles as súas reivindicacións e sumar a elas tódolos apoios necesarios para lograr que o seu berro sexa maior. Así foi como Lucía Castro, Belén Taboada e Lucía Díaz, tres estudantes lalinenses, impulsaron a creación do "primeiro e único" colectivo feminista de Lalín, bautizado como Azos Feministas. Iso foi hai pouco máis dun mes e hoxe, aínda cos trámites para a súa constitución como asociación en marcha, forman xa un grupo de 92 persoas, de ambos sexos e de tódalas idades.

"Sempre fomos tres rapazas bastante reivindicativas en todo e dixemos: chegounos a hora de facer algo", explica Lucía Castro. Poucos días despois de dar a coñecer publicamente o seu proxecto convocaron o a súa primera concentración. Foi na madrugada do 8 de Marzo e a resposta social superou as súas expectativas. "Tivemos máis xente da que contabamos, a pesares da chuvia, porque estivo unha noite horrible. Temos moitos apoios e estamos contentas por iso", como tamén o están da resposta das moitas manifestacións que se celebraron ese día no territorio autonómico, nacional e incluso internacional. "Foi marabilloso, foi unha rebelión", admite Castro.

"Entre os adolescentes hai un alto índice de maltrato e machismo. Temos que intentar cambiar dende a base, informar"

 

Pero a resposta á súa causa non quedou aí. Días despois, programaron un taller de defensa persoal feminina e unha masterclass de baile que resultaron tamén un éxito de participación. "E nas reunións que facemos tamén hai bastante xente, tanto homes coma mulleres, maiores e novos, de todo". A última foi o pasado domingo. Nela acordaron organizar un concurso nos institutos da localidade para escoller o lema do colectivo. "Entre os adolescentes estase dando un alto índice de maltrato e de machismo. É algo moi preocupante, e creo que dende a base temos que intentar cambiar e, sobre todo, concienciar e informar porque á fin e ó cabo, é falta de información", apunta Castro, de 23 anos, a mesma idade que ten a súa homónima á fronte do colectivo, e catro máis dos que conta a terceira delas, Belén Taboada.

Iniciativas coma a de Azos Feministas xorden porque aínda "hai moito que camiñar", sostén Castro. "Creo que está habendo un cambio na sociedade. Polo menos agora o feminismo xá é visible, calquera persoa sabe o que significa. Si que, ó mellor, falta un pouco de compromiso, de ganas e de información, tamén, pero si que vexo un cambio, vexo que a xente está cada vez máis involucrada, que ve que fai falla" mudar a mentalidade. Asegura que en todo este tempo dende que se deron a coñecer como colectivo non escoitaron entre a veciñanza ningunha opinión contraria ás súas ideas. "Sinceramente, non; ao contrario. A verdade é que contabamos que puidera haber alguna, pero nada... O que si tivemos foi unha morea de chamadas para darnos a noraboa", engade.

A próxima actividade do colectivo será un taller de Reeducación, o día 8 de abril ás 11.00 horas no Casino Círculo de Recreo. "Servirá para coñercernos os que formamos parte de Azos, para tomar confianza, porque, á fin e ao cabo, somos xente moi diversa", sinala.

Comentarios