lunes. 09.12.2019 |
El tiempo
lunes. 09.12.2019
El tiempo

O orgullo de ser do rural

Elena Ferro no seu taller no lugar de Merza, en Vila de Cruces. PATRI FIGUEIRAS
Elena Ferro no seu taller no lugar de Merza, en Vila de Cruces. PATRI FIGUEIRAS
A ZOQUEIRA DE MERZA ▶Non sen esforzo, Elena Ferro logrou manter en pé un negocio familiar que data de 1915. Grazas á súa perseveranza, hoxe centos de galegos levan un fervedoiro de cultura galega nos seus pés. A crucense opta ao Premio Nacional de Artesanía

Non é só un oficio, é un sentimento, o orgullo de ser do rural galego. "Reivindico non só os zocos, senón o idioma. As publicacións de Facebook fágoas en galego. Moita xente dime que se o fixera en castelán chegaría a máis xente, pero se o fago así non sería eu. Non podes traducir a nosa cultura, a nosa tradición e a nosa forma de ser".

Taller no lugar de Merza, en Vila de Cruces. PATRI FIGUEIRAS (3)Elena Ferro comezou a traballar no negocio familiar, un taller de zocos no lugar de Merza, en Vila de Cruces, nada máis rematar o instituto. "No ano 2015 celebramos o centenario do negocio. Empezou con el o meu avó, Perfecto Ferro, e continuou a miña tía Agripina Ferro, que de feito é a imaxe da porta do taller e que faleceu hai catro anos. Meu pai e ela traballaron sempre xuntos", conta Elena, que asegura que o oficio de zoqueira lévao na sangue. "Eu nacín no ano 1975 e desde pequeniña sempre me gustou estar no taller, primeiro xogando e xa despois traballando", di. E xa en 1993 a crucense tomou o timón da empresa familiar. Mais non sen esforzo e sen deixarse a pel por erguer o que ela cría que non podía morrer.

"A finais dos anos 70 houbo un declive e os zocos deixáronse de usar. A xente decantábase por outro tipo de calzado como as catiuscas, que eu sempre digo que foron as inimigas dos zocos. E en menos de dez anos desapareceron todos os zoqueiros que había".

Sen embargo, a verba renderse non atopa cabida no seu vocabulario. Polo que en vez de pechar as portas, "comezamos a ir a máis feiras, gastronómicas, de artesanía... e ao mesmo tempo íamos facendo marroquinería, como bolsos, carteiras ou pulseiras".

Taller no lugar de Merza, en Vila de Cruces. PATRI FIGUEIRASFoi a partir do ano 95 cando esta crucense empezou a innovar e a facer cambios no zoco tradicional. "Eu pensaba que un calzado que protexera a tanta xente no rural non debía ser tan malo e intentei adaptalo aos tempos". Así, tras varios anos de probas, "a partir do ano 2010 o negocio empezou a funcionar". De feito, actualmente son dez persoas traballando no taller de Merza.

"A parte do zoco máis importante que adaptei foi a base de madeira. Había que cambiala xa que o terreo que pisamos agora non é como o que pisaban os labregos, xa que era todo herba, lama e terra, e agora andamos sobre terreo duro, cemento, asfalto e baldosa", explica. Ademais, "a pisada tamén cambiou. Había que adaptar a inclinación para poder estar cun par de zocos todo o día". Aparte diso, Elena tamén creou deseños acordes aos tempos que corren.

Taller no lugar de Merza, en Vila de Cruces. PATRI FIGUEIRAS (2)Así, grazas tamén ás redes sociais, onde Elena publica regularmente os seus novos deseños e conta unha historia con eles, o negocio familiar emerxeu e hoxe en día, ademais dos veciños e veciñas da vila, que non dubidan en lucir uns zocos que teñen vida e cultura propias, os seus deseños chegan á Coruña, onde ten outra tenda, e a toda a península, e incluso traspasa fronteiras cara a Europa, Latinoamérica, Estados Unidos ou Nova Zelanda.

"Non creo que sexa un calzado de moda. Eu o que pretendo e pretendín sempre é que sexa un calzado máis, que a xente saiba que os zocos non desapareceron", sinala Elena. "Para min o máis importante do traballo que fago é dignificar un calzado que estaba moi denostado e activar un oficio, que non morra. Na artesanía tradicional hai que adaptar os produtos aos tempos de agora", engade.

Ademais, para esta crucense un dos seus maiores logros é que "con isto conseguiuse que a xente viñese a Merza, que é unha aldea". E é que aparte de vender a través da páxina web e das redes sociais, o taller crucense está aberto ao público para que a xente o visite, coñeza o oficio e compre zocos ou artigos de marroquinería.

O talento de Elena Ferro xa é recoñecido a nivel nacional e o próximo 4 de decembro viaxará a Madrid para participar na gala dos Premios Nacionais de Artesanía, aos que está nominada.

O orgullo de ser do rural
Comentarios