"Ó principio era mercalos e matalos!"

Óscar Expósito, detrás dun bosque de exemplares no seu xardín da Estrada. PATRICIA FIGUEIRAS

O estradense Óscar Expósito preside a primeira asociación de bonsáis da provincia, recén creada e cunha trintena de socios

A ESTRADA. Foi nunha vivenda nas aforas da cidade de Pontevedra, na casa dun cliente, onde quedou "abraiado" coa decea de bonsáis que adornaban o xardín, algúns traídos dende o Xapón. Antes, el tiña mercado algún que otro exemplar, dos típicos que venden nas grandes superficies, pero non lle sobrevivían máis de dous meses. Aquilo era "mercar árbores para matalos!", dada a súa falta de formación, coñecementos que dende aquel descubrimento na cidade do Lérez procurou nunha tenda de Bembibre "o paraíso dos bonsáis a nivel Galicia e atreveríame dicir que de España". Anos despois, o estradense Óscar Expósito, preside a primera asociación de bonsáis da provincia de Pontevedra. O colectivo está recén creado e conta xa cunha trintena de socios.

Este mozo é o dono dunha empresa de decoración e reformas e o de cultivar estes formatos teno como un entretemento. Na súa vivenda, na vila estradense, coida de "dez ou quince" exemplares e ten "outros moitos en proxecto", en fase de crecemento para chegar a selos. Unha azalea de 80 anos que lle mercou a un compañeiro que a trouxo do Xapón é a xoia da coroa no seu xardín. Expósito asegura que calquera especie arbórea ou arbustiva pode converterse en bonsai. Iso si, en Galicia, recomenda, por lóxica, as autóctonas. "Un dos falsos mitos que existen é que o bonsai ten que estar en interior. É o erro máis común, o que che aconsellan cando os mercas nas grandes superficies, porque as que venden soen ser especies tropicais que requiren estar un pouco máis resgardadas. Pero o bonsai sempre é de exterior", afirma.

"ERA DIFÍCIL FORMARSE". Precisamente, a necesidade de acceder a información sobre os coidados e o mundo en xeral das árbores en miniatura foi o que o animou a el e a outros afeccionados a promover a Asociación Cultural Club Bonsai Pontevedra, para estar organizados e poder optar a algún tipo de subvención coa que sufragar os custes de contratación de ponentes e profesores que lles impartan talleres. "O principal é iso, dar a coñecer o mundo do bonsai" e facilitar o aceso a el, "porque cando eu empecei vin que era difícil chegar a formarse", recoñece.

Cun mínimo de interese por aprender, e paciencia, pois aínda que depende da especie, "en cinco anos podes chegar a ter algo visible", apunta, "calquera pode telos". Mercar un "a partir de 20 euros" e facerse cunhas tesoiras, un alicate e un cúter mínimamente bos para darlle forma. Cousa distinta é se falamos en termos máis profesionais, onde un exemplar pode custar "a partir de 60.000 euros".

"Cunhas nocións básicas de rego (que precisan moita auga, sobre todo en verán), cun sustrato específico (unha mestura de akadama e pomice a partes iguais) e cun abono orgánico podes manter os bonsáis", engade. A asociación xa realizou un taller na Estrada o pasado sábado e volverá a organizar outros en febreiro. O día 26 fará unha visita á tenda Kingii, de Bembibre, e o 16 e 17 do próximo mes exporá exemplares e fará demostracións en Cuntis.