Un obrador de cultura e tradición

Hai pouco máis de tres anos María Rivas e Uxío Alho puxeron en marcha en Torreboredo un proxecto que, ademais de dedicarse á elaboración e venta de galletas artesás, ofrece formación e visitas a esta aldea do rural estradense, dende onde promoven a cultura, a tradición do rural, o amor pola súa terra e a lingua galega
María e Uxío en Torreboredo, no concello da Estrada. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera María e Uxío en Torreboredo, no concello da Estrada. PATRI FIGUEIRAS

No ano 2019 María Rivas Couceiro e Uxío Alho García comezaron a tecer unha rede de tradición, cultura e amor pola terra ao redor do lugar de Torreboredo. Nese ano nacía Maruxío Terra e Sal, que comezou como un obrador de galletas e rematou sendo o que é hoxe en día, un proxecto que vai crecendo, apostando por iniciativas que avoguen por expandir a tradición e a cultura do rural.

"O proxecto xurde polo amor á tradición, o amor á terra, e por poñer no rural un proxecto produtivo e dar valor ás terras que temos aquí", explica María. Así, tras acender os fogóns do obrador, ofrecendo unhas gallegas nutritivas e saudables –que reciben o nome de rebolos, polo lugar de onde proceden, Torreboredo ou Terra de Rebolos– pronto apostaron por achegar á xente de máis formas ese apego polo rural, por todo o que rodea á cultura e tradición desta aldea do concello estradense.

María e Uxío comezaron a ofrecer formación no obrador e a organizar visitas de colexios, familias ou de quen o desexe. "Pouco a pouco imos tecendo unha rede ben bonita", conta orgullosa María, que engade que desde o ano pasado "para traer á xente ao rural facemos diferentes feiras, de labranza e culturais".

"O noso proxecto vai entorno á saúde, á tradición e o respecto pola terra, pola cultura e pola lingua", precisa, á vez que informa de que "agora estamos desenvolvendo un proxecto novo: un parque temático de plantas medicinais, culinarias e aromáticas para traballar con escolas e co público en xeral, onde pretendemos ter un laboratorio e un xardín etnobotánico para visitas". A súa posta en marcha está prevista, en principio, para despois do verán.

Fidelidade

Non hai nin catro anos que María e Uxío puxeron en marcha este proxecto e xa conta cunha clientela fiel, que non dubida en comprar os seus rebolos, as súas granolas e as súas pastas de té artesás en versión larpeira e vegana.

Uns produtos que Maruxío vende a través das súas tendas de confianza en lugares como A Estrada, Pontevedra ou Vigo, no obrador de Torreboredo con cita previa (chamando ao teléfono 692 810 145) ou a través da páxina web.

"Comezamos moi pouco a pouco, e ao facer xornadas de portas abertas, ser moi transparentes e fieis ás nosas tradicións a xente valora cada vez máis o produto da terra e de proximidade", explica María, que fai fincapé en que "non só vendemos produtos de calidade, senón que damos un valor engadido, unha historia, a nosa historia e a dos nosos ancestros". E así, estas galletas "teñen unha parte cultural". "É unha maneira de agasallar con cultura", apunta.

O nome do proxecto

O nome de Maruxío Terra e Sal saíu da conxunción dos nomes dos seus promotores, María e Uxío, mais "tamén dos nosos mundos, o do mar e o da terra, pois eu son de interior e el é da Illa de Arousa", conta María Rivas. Sen embargo, non puideron rexistralo, por iso se ven obrigados a buscar outro nome para o seu proxecto.

"Agora estamos en proceso de cambio, liquidando todo o embalaxe coa marca de Maruxío porque aproximadamente nun mes e medio deixará de chamarse así. Non no corazón, porque a xente nos vai seguir chamando así, pero a nosa etiquetaxe vai ir con outro nome", indica, un nome que non se desvelará ata mediados de maio, cando "faremos unha presentación en Torreboredo ao redor dunha feria. A xente vai poder coñecer a nosa nova marca e o noso novo embalaxe", conclúe María.

Comentarios