As oficinas de turismo de A Estrada atenden a 1.162 visitantes nun mes de xullo de récord

Os visitantes veñen atraídos por celebracións como a Rapa das Bestas de Sabucedo, pola natureza ou polo Pazo de Oca 
Oficina de información turística na Casa das Letras. DP
photo_camera Oficina de información turística na Casa das Letras. DP

O Departamento de Turismo vén de confirmar que A Estrada viviu o seu mellor mes de xullo en canto a número de turistas dende que existen rexistros, despois de atender 1.162 visitantes na Oficina de Turismo ubicada na Casa das Letras e no Punto de Información Turística situado no aparcadoiro do Pazo de Oca.

A primeira das citadas recibiu un total de 62 turistas neste período, chegados na súa meirande parte en coche dende diferentes puntos de Galicia e da península, e tamén a algúns peregrinos que percorren algún dos camiños que pasan pola vila. Os visitantes que acoden na procura de información aseguran vir á Estrada atraídos por celebracións como a Rapa das Bestas de Sabucedo -que supuxo un importante pulo ao turismo a comezos de xullo-, pola natureza, pola oferta cultural ou o Pazo de Oca -un dos principais reclamos do municipio-.

En canto ao Punto de Información Turística situado no Pazo de Oca, os datos recollidos durante o pasado mes volven converter o "Versalles galego" no principal atractivo turístico da comarca ao rexistrar 1.100 visitantes que solicitaron información durante eses días, 302 máis ca no mesmo período do ano anterior. A maioría deles foron turistas galegos e nacionais, estes últimos chegados principalmente dende Madrid, Andalucía, Comunidade Valenciana, Murcia e Cataluña. Tamén recibiron visitantes estranxeiros, a meirande parte de Francia, Alemaña, Reino Unido ou Italia, aos que se sumaron outros procedentes dos Estados Unidos, Uruguai, Arxentina, Suíza, México ou Luxemburgo.

Entre a información que máis demandaron os turistas está a gastronómica, a cultura e aqueles temas relacionados coa natureza, destacando as dúas rutas de sendeirismo homologadas coas que conta o concello, impulsadas pola Concellería de Turismo en San Miguel de Castro e en Sabucedo e Codeseda.

Comentarios