Omar Montes actuará na Gala do Cocido de Lalín o venres 10 de febreiro

O Goberno local tamén anunciou que INSIDE, proxecto expositivo de Manuel Quintana Martelo, será a exposición central da Feira
Omar Montes
photo_camera Omar Montes

O alcalde de Lalín, José Crespo, anunciou onte que o vindeiro 10 de febreiro, o municipio lalinense contará coa presenza do recoñecido artista nacional e internacional Omar Montes. Este artista, é un cantante español de música urbana, nado no madrileño barrio de Pan Bendito en xuño de 1988. Comezou a gañar notoriedade coa publicación dos seus primeiros temas, cun claro deixe flamenco, aínda que o que o catapultou á fama entre o gran público foi a súa participación en diferentes programas da canle de televisión. A día de hoxe é un dos cantantes latinos do momento, e os seus temas, algúns deles en colaboración con algunhas das estrelas do xénero, contan por millóns o número de reproducións e descargas en plataformas dixitais.

Co éxito do sinxelo La rubia e a inminente saída do seu primeiro álbum A vida mártir, produciuse o lanzamento dun tema xunto á cantante de trap Bad Gyal chamado Alocao, que se mantivo número 1 nas listas de éxitos durante semanas e que recibiu catro discos de platino. Unha vez consagrado o seu éxito, os seus sinxelos e colaboracións tras Alocao recibiron gran aprobación e recoñecemento entre o público, e especialmente máis temas que saíron a posteriori como é Como el agua xunto a Ana Mena, Pegamos tela xunto a Abraham Mateo e Lérica e con disco de ouro, Prendío Remix en colaboración con RVFV e Daviles de Novelda, que se mantivo nas listas de éxitos desde xaneiro do 2020 ata marzo do mesmo ano e que recibiu o disco de platino, ou Máis e máis xunto a Ñengo Flow, que en menos de 24 horas conseguiu ser a principal tendencia en YouTube España. Por todo isto e máis, este artista será outro dos participante nesta gala, que xerará unha boa dinamización na vila.

Segundo apuntaron dende o goberno local lalinense, tras o anuncio deste artista, pódese apreciar que hai diferentes xéneros musicais representados na Gala e que ten como finalidade englobar os principais gustos musicais e tratar de acercar a todos os públicos. Ademais volve facerse tras tres anos nos que a pandemia impediu a súa realización.

O Concello de Lalín confirmou ata o momento ao cantante Beret, un artista español que se fixo coñecido no mundo musical a través das redes sociales, nas que colgaba cancións autoeditadas que combinaban distintos xeneros musicais como o reggae e o rap, conseguindo desta forma millóns de visualizacións e millóns de suscripcións na súa canle de YouTube. José Crespo tamén anunciou o venres que na Gala tamén estará coma artista invitado o cantante Bertín Osborne.

O rexedor lalinense recorda que "a retirada de invitacións farase na semana da gala e o día e lugar serán anunciados nos vindeiros días".

INSIDE, exposición central da Feira

INSIDE, proxecto expositivo de Manuel Quintana Martelo, será a exposición central da LV Feira do Cocido que se inaugurará o 9 de febreiro ás 20 horas no Museo Municipal Ramón Mª Aller. Unha mostra de carácter persoal, promovida polo Concello e comisariada polo crítico de arte, Ramón Rozas.

Trátase dun relato íntimo e interior que reúne unha escolma de 34 obras realizadas desde o ano 2009 ata o 2023 que miran cara aquilo que serve de forma e modo para xustificar a actitude de pintar.

Comentarios