Once anos de a cabalo da superación

Os médicos lle recomendaban que fose a un centro especial, pero Sergio, un neno con parálise cerebral de nacemento, optou por montar a cabalo na unitaria de Sarandón, onde foi un alumno máis 

Sergio competindo no San Martiño. FIGUEIRAS. JPG
photo_camera Sergio competindo no San Martiño. FIGUEIRAS.

ANDA EN BICI, xoga ó fútbol, nada, fai judo, gústalle camiñar e monta a cabalo. Ata aquí nada especialmente extraordinario nun cativo de once anos. O mérito está en facelo cunha hemiplexía de nacemento que che limita a mobilidade do lado esquerdo en pernas e mans e sobrelevalo cun sorriso nos beizos. Esta é a historia de superación de Sergio Doce Pintado, un cativo de once anos que xusto hai unha semana demostrou sobre a pista da Feira do San Martiño da Estrada que para el non existen límites. Paseou a Duquesa pola corda, dominouna sobre a area, fíxoa poñer sobre as dúas patas traseiras, sorprendeu ó público e levou baixo o brazo o premio do concurso morfolóxico de ponis do certame. Era a primeira vez que competía e, máis alá do galardón que, tamén, amosa orgulloso, o 18 de novembro de 2018 quedará marcado en vermello no seu calendario camo o día no que se demostrou a si mesmo e, sobre todo, ós demais que as barreiras son para saltalas.

"A el isto veulle súper ben. Era un reto e foi unha motivación grandísima", conta María, súa nai. Ademais, a noite anterior ó concurso o rapaz non logrou prender o sono. "Ten paixón, pero paixón louca polos cabalos. Canto máis medo lle teño eu, máis se anima el", recoñece. O pasado domingo foi a primeira vez que participou nun concurso equino. "Sempre quería ir, pero eramos nós os que lle diciamos que non, por medo. Desta vez pensabamos que se ía botar atrás porque se pon moi nervioso", pero o de recuar a Sergio vaille cada vez menos.

"Utilizamos o cabalo como motivación" e así é que nas semanas previas ó certame o cativo cumpriu de longo a petición de seus pais de que, se quería participar, tiña que portarse ben e facer os deberes. "Leváballe unha páxina máis á profe para que vise o que estaba traballando e que podía ir!", lembra María entre risas. "Foi o meu padriño o que me meteu o bicho na cabeza!", responde Sergio cando se lle pregunta o porque da súa paixón polos cabalos dende ben cativo. Estivo en contacto con eles dende sempre, pero foi no seu sétimo aniversario cando Duquesa, a poni, chegou á casa a modo de regalo. "Gústame domalos. Súbome enriba deles, agárrome ben e intento que non me tiren, que se afagan a ter algo no lombo". Asegura que só caeu unha vez, pero que non se mancou. "Hai que ir ó xeito". Apunta súa nai que "ó principio tíñalle medo porque a poni escapáballe e cabreábase, pero foise domesticando. Ía tódolos días onda ela, botáballe de comer, gustáballe montala", e así foi como foron facendo o tándem perfecto.

Hai unha semana demostrou na Feira do San Martiño da Estrada que as barreiras están para saltalas

A poni está agora preñada e a cría "vai quedar na casa. Teño moitas cortes libres!", xa advirte Sergio. O cativo tamén devece polos cans, pero son "un pouquiño máis rebeldes", así que, de momento, queda coa fauna equina, protagonista en boa parte dos libros que escolle para ler, outra das actividades que lle divirten.

SEGUNDA OPERACIÓN. "Non che sei dicir agora", responde cando se lle pregunta que quere ser de maior, pero apura un "si" sen titubeos á opción de ser xinete. No camiño cara o seu desenvolvemento fututo vai da man dos seus. A conversa con súa nai para esta reportaxe flúe mentres agarda por el nunha das sesións de rehabilitación ás que Sergio acode no servizo de Atención Temperá do hospital de Santiago. Ademais, os venres traballa con Jessica e María, logopeda e psicopedagoga, respectivamente, do centro Avances da Estrada.

"Foi un descoido médico. Non me controlaron a presión arterial durante o embarazo e collín unha preclancia", explica María sobre as orixes da doenza de Sergio. A parálise non lla detectaron ata que tiña case dous anos. Aí comezou tamén a historia de superación paralela dos pais. "Andar, andaba, pero caía moito e non sabiamos o que tiña afectado. Tampouco sabían se ía falar, ata que pouco a pouco vas descubrindo o que hai".

Agora ten o pé equino e o brazo esquerdo un tanto retraído e está pendente dunha segunda operación, quizais na Coruña. Á primeira someteuse hai case tres anos en Barcelona, a mans dun médico ruso, nunha clínica privada. "Mellorou moitísimo", di María. E o que é máis importante: "É un neno feliz".

Comentarios