Os Orzamentos de Forcarei para 2020 superarán os 2.800.000 euros

O Concello subliña que é un documento que presenta unha filosofía "eminentemente social"
Vista del exterior del Centro de Saúde de Forcarei. B.P.
photo_camera Vista del exterior del Centro de Saúde de Forcarei. B.P.

O equipo de Goberno de Forcarei ten xa sobre a mesa o seu proxecto de Orzamentos para o 2020, que ascende a 2.867.346,96 euros, unha proposta que levará ante o Pleno da corporación que se celebrará o próximo xoves.

"O documento está baseado no control do gasto público, a procura da eficiencia e a eficacia na xestión municipal, e presenta unha filosofía eminentemente social e unha previsión inicial de investimentos por 475.000 euros", subliña o Concello. Así, a recuperación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o futuro campo de fútbol e os programas para a infancia e a terceira idade destacan como protagonistas.

Trátase duns Orzamentos uns 20.000 euros menos que no exercicio anterior. Mantén invariables os tipos impositivos e as taxas municipais e contempla paralelamente que a débeda continúe a cero. "Nos gastos prevé loxicamente a recente reactivación do SAF, o que supón un aumento do custo de persoal pola asunción temporal do servizo mentres se completa o proceso de licitación do mesmo, un incremento que se ve compensado pola redución na aplicación orzamentaria destinada á retribución do futuro adxudicatario", explica.

Unha das novidades máis salientables é que inclúe unha previsión de ingresos pola venta de parcelas nos polígonos industriais de Vilapouca e A Freixeira, cunha cantidade inicial de 10.000 euros. E é que o equipo de Goberno pretende "apostar forte pola consolidación de novos proxectos empresariais para a xeración de postos de traballo", indica.

Así mesmo, están xa programadas tres accións fundamentais: o futuro campo de fútbol de Forcarei de herba sintética, cunha partida de 185.000 euros; humanizacións nos tres núcleos urbanos, coa mellora do contorno do parque de Venezuela en Soutelo, o acceso á piscina de Forcarei e a senda peonil de Cachafeiro ata a Freixeira, e infraestruturas rurais para actuacións urxentes nas diferentes parroquias.

Outro proxecto incluído é a musealización da sala do multiusos de Soutelo destinada a acoller a colección do Centro Etnográfico de Terra de Montes (Cetmo).

Comentarios