Miércoles. 19.06.2019 |
El tiempo
Miércoles. 19.06.2019
El tiempo

Clara Iglesias: "Os topónimos quedan fixados coma fósiles"

Clara Iglesias, co seu libro, a carón dun indicador da vila estradense. PATRICIA FIGUEIRAS
Clara Iglesias, co seu libro, a carón dun indicador da vila estradense. PATRICIA FIGUEIRAS

A filóloga estradense investigou durante máis de dous anos os nomes das parroquias e lugares do seu concello e acaba de recollelos nun libro 

A toponimia interésalle por dous motivos: como parte do traballo de recuperación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial da Estrada e da súa comarca que realiza a Asociación Cultural Vagalumes, da que é presidenta, e pola súa formación. "Estudei Filoloxía e sempre me interesou a lingüística histórica, ver como van evolucionando as palabras", di. Pero foi logo de traducir o libro La Estrada, escrito polo exalcalde da localidade Pedro Varela en 1923, cando Clara Iglesias Cortizo decidiu estudar a toponimia maior do municipio e recollela nunha obra que vén de publicar: Os nomes da Estrada. Orixe dos topónimos das parroquias e lugares do Concello da Estrada, editado por Fervenza.

Repasar os argumentos pouco científicos, por dicilo dalgún xeito, sobre a orixe dos nomes de aldeas que Varela recolleu na súa obra foi o que lle "meteu un pouco a gana" para comezar un traballo de investigación rigoroso que se prolongou durante "dous ou tres anos" e que deu como resultado a explicación etimolóxica e de significado de 458 entidades de poboación, dentro das 51 parroquias que conforman o concello estradense. "Nesas hai bastantes nomes que se repiten, polo que traballei cun corpo de 397 termos distintos", apunta Iglesias.

Datar o topónimo máis antigo "é moi difíci. Todo o que queda para atrás dos romanos é unha zona moi escura no que respecta á historia e á lingua". Algún nome que pervive na Estrada, como Veiga, de orixe "posiblemente preindoeuropeo, que significa terreo próximo a un río, húmido e fértil, pode ter 3.000 ou 4.000 anos de antigüidade", precisa a autora. Tamén prerromanas son as palabras Ulla e Umia, nomes dos dous ríos que pasan por territorio estradense. "Os topónimos teñen moitísimo valor histórico e lingüístico. Quedan fixados coma fósiles". Son, en definitiva, "indicadores de nós mesmos" como individuos dunha sociedade que os mantén e os fai evolucionar en ocasións.

VINSEIRO, ÚNICO EN GALICIA. Ó longo da súa investigación, Iglesias atopou topónimos transparentes (aqueles que claramente mostran o que queren dicir), pero tamén algúns opacos, que "quedaron tan fosilizados que son coma animais que xa non existen", polo que non foi quen de clasificalos. É o caso de Ouzamerxe, lugar de Guimarei. "Por máis que manexei documentación e bibliografía, non fun capaz. Achego unha suxestión, pero procuro ser moi precavida, porque nisto hai que selo", explica. Vinseiro, nome dunha das parroquias estradenses, tamén se inclúe nesta listaxe. "É un topónimo que non existe en ningún outro lugar de Galicia", aínda que podería ter a mesma orixe que Vinxeira, nome que se atopa noutros concellos da comunidade autónoma.

Patanín, lugar de Santeles no que segundo o Nomenclátor xa non vive ningún veciño, "foi un sitio que me deu motísimo traballo" no que a descubrimento da súa orixe etimolóxica se refire, engade a estudosa, que asegura que "Galicia é o paraíso toponímico de Europa". A explicación que Iglesias da a este fenómeno é o feito de que sexa un territorio cunha poboación moi dispersa en concellos pequenos cunha fragmentación da propiedade moi significativa. "Pero é que se lle pon nome a todo!".

Concluido o traballo sobre a Estrada, e dentro do proxecto do colectivo Vagalumes, a autora, que é profesora de Lingua Galega e Literatura no instituto Chano Piñeiro de Forcarei, non descarta analizar tamén os nomes de parroquias e aldeas do municipio forcaricense e das de Cerdedo, completando así o estudo na comarca. Tamén a microtoponimia (nomes de fontes, regueiros e prados, por exemplo), "que se está perdendo", é do seu interese, pero facer un estudo exhaustivo dela requería moitos máis recursos humanos e tempo.

Clara Iglesias: "Os topónimos quedan fixados coma fósiles"
Comentarios