viernes. 21.01.2022 |
El tiempo
viernes. 21.01.2022
El tiempo

"Oxalá se consiga que a xente de Vila de Cruces poida vivir do galo de curral"

Tito Mariño co galo de curral de Culinaria. PATRI FIGUEIRAS
Tito Mariño co galo de curral de Culinaria. PATRI FIGUEIRAS
Tito Mariño leva dous anos ao fronte da Asociación de Criadores do Galo de Curral, un colectivo que considera necesario para manter á xente no rural e non perder as explotacións familiares e as terras

Sucedeu a Florentino Varela como presidente da Asociación de Criadores do Galo de Curral de Vila de Cruces hai dous anos. E xa ten un ambicioso obxectivo: fomentar a cultura arredor do galo de curral e do que elo representa para este municipio dezano.

Como naceu a Asociación de Criadores do Galo de Curral?
Naceu uns anos despois de que comezara a facerse a Festa do Galo de Curral, no 2000. Empezaron a xuntarse uns poucos por medio do Concello, unhas 35 ou 40 persoas, e comezaron a criar os galos e así decidiron crear a asociación.

E a Festa do Galo de Curral?
Comezaron os restaurantes. Compraban os galos polas aldeas adiante e xuntaban para facer a festa do galo. E cando xa empezou a ter tirón, o Concello comezou a apoiar a festa. E foi despois cando naceu a asociación, cando a festa xa levaba cinco ou seus anos celebrándose.

Con que obxectivo naceu a asociación?
A asociación fundouse para que a xente que está no campo non se marchara, xa que por aquel entón algúns veciños xa empezaba a deixar as terras. E ao criar os polos era un incentivo máis para seguir adiante no rural.

Conseguiu entón, o colectivo, manter a poboación no rural?
Polo menos a xente que empezou na asociación segue estando hoxe. Aínda que actualmente é xente maior e xa non está no colectivo, pois agora estamos xente máis nova, seguen participando e vindo ás reunións.

"Ter un matadoiro municipal sería unha boa nova para Vila de Cruces e xa non teriamos que ir a Agolada"

Cantas persoas poden estar criando galos do curral en Vila de Cruces a día de hoxe?
Polas aldeas é raro que non haxa galos en todas as casas, pero na asociación somos unhas 20 persoas. Críanse os galos para vender á restauración e tamén para consumo persoal. As granxas son de avicultura artesanal, polo que se nos permite ter un máximo de 200 galos.

Unha infraestrutura que o colectivo precisa e leva tempo demandando é un matadoiro municipal. En que fase está ese proxecto?
Aquí non hai matadoiro e temos que ir a Agolada. O conselleiro de Medio Rural, José González, anunciou que se está traballando para permitir a matanza artesanal nas casas, pero isto aínda está bastante cru. Pero o malo disto é que sería unha gran inversión para unha actividade que non da tanto rendemento, xa que para acondicionar un fogar farían falla bastantes cartos. En xaneiro teremos unha reunión coa Xunta, e proporémoslles ter un só matadoiro, que xa nos serviría para facer a matanza todos.

O alcalde anunciou que está en trámite a posta en marcha dun matadoiro municipal...
Estaba prevista a súa construción. Fíxose o edificio pero quedou aparcado, non se fixo nada máis. E iso si que sería unha boa nova para todos. Se se levara a cabo sería moito mellor que os matadoiros particulares. O esqueleto está feito, habería que darlle para diante.

A empresa Culinaria, da man da Asociación, acaba de poñer en marcha un proxecto de comercialización de dúas receitas do galo de curral. Que supón esta iniciativa para vostedes?
Para nós é moi interesante. Empezamos xa hai tres anos con este proxecto, pero paralizouse pola pandemia. Desde a empresa empezaron a levar a cabo estudios ata que deron coas receitas. Nós probámolas, porque querían a aprobación da Asociación, e real mente están deliciosas. Aparte diso, pareceume moi interesante porque é unha maneira de dar a coñecer o galo do curral por aí adiante, porque non en todos os lados se sabe cociñar ben. Dos nosos galos, que viven de nove a doce meses, hai moi poucos en España criados así.

Como cociña Culinaria o galo de curral?
Falei co cociñeiro e díxome que tarda nove horas en facelo. A esta carne hai que darlle moita cocción para que ablande, porque senón é unha carne bastante dura. E así se fixo toda a vida. Cando nos presentaron as receitas, comentáronnos que cunha delas querían facer o galo estilo o pavo que se cociña en Estados Unidos, enteiro, e parecíanos moi difícil. E logo déronmo a probar e está impresionante. Garda moitísimo sabor, sabe a galo, sabe moi rico. A outra receita tamén está exquisita, que sería o galo guisado.

"Hai xente que relaciona o galo de curral co polo industrial, e iso sorpréndeme"

Este polo guisado está feito coa base da receita tradicional de Vila de Cruces. Como é esa receita tradicional?
É a que se fixo toda a vida. Trocéase o galo, adóbase con allo, perexil e viño branco e déixase un ou dous días. Logo dórase na tixola e faise un caldo de galo, con tempo, facéndoo ao xeitiño. Isto levará unhas tres horas. E para rematar fanse as patacas guisadas.

E o sabor é exquisito…
Si. Ademais galos criados desa maneira tampouco hai tantos. Hai xente que non coñece ao galo de curral e que o relaciona co polo industrial, e iso sorpréndense, porque este non ten nada que ver con iso. Vélo cando está feito e parece carne asada, porque é unha carne escura, castaña, e só sabes que é polo porque lle ves o oso.

Culinaria pretende, tamén, incentivar a cría de galos en Vila de Cruces. Pensa que dará resultado?
Eu creo que si. Se eles van para adiante co proxecto que teñen, e si nos sae ben, isto vai a ir arriba. Oxalá co tempo se consiga que a xente poida vivir do galo de curral. Agora isto non da para vivir, e a xente dedícase a outra cousa. Pero alomenos coidas as terras e continúas coas granxas dos teus antecesores. Con isto coidamos o campo e miramos un pouco polo rural. Gustaríame que a xente viñera a Vila de Cruces a comer o polo, a ver como se cría e facer unha visita turística polo municipio. Sería unha maneira de que a vila fose para arriba.

Non se da a publicidade suficiente ao galo de curral?
O galo represéntanos en todos lados e temos ido por España dándoo a coñecer. Botamos case dez anos indo por aí adiante. Pero igual deberíamos facelo doutra maneira. Agora co proxecto de Culinaria temos esperanzas de ir para arriba, e que o Concello e a xente nos apoie, porque ao final isto é bo para todos.

"Oxalá se consiga que a xente de Vila de Cruces poida vivir do galo...
Comentarios