"Pachi, eres moi grande"

O salón de plenos do Concello de Lalín acolleu este martes unha cálida homenaxe ao artista lalinense polos seus 58 anos sobre os escenarios
O Concello de Lalín rendeu este martes unha homenaxe ao artista o día do seu 72 aniversario. DP
photo_camera O Concello de Lalín rendeu este martes unha homenaxe ao artista o día do seu 72 aniversario. DP

"Pachi, eres moi grande. Hoxe é o teu día". Con estas palabras Maximino Míguez, amigo de Juan Carlos Fernández Lamas, máis coñecido como Pachi, resumía o que foi unha cálida homenaxe a este artista lalinense polos seus 58 anos sobre os escenarios e que tivo lugar precisamente o día no que cumpriu 72 anos. Veciños e veciñas, representantes políticos e familiares do homenaxeado participaron nun acto no que se lle deu cumprimento a un acordo da Xunta de Voceiros, a proposta do alcalde, José Crespo, de facerlle un recoñecemento público a este veciño tan querido.

Maximino Míguez recordou que Pachi se subiu a un escenario con tan só 14 anos para cantar "porque entendeu que iso era o del". "E aí empezou a súa traxectoria", precisou, coa que "seguiu toda a súa vida, facéndonos rir, desfrutar e bailar", engadiu. "Fixo da súa vida unha diversión para a súa xente", concluíu Maximino Míguez.

Tras firmar no libro de honra do Concello e de recibir un pergamino e unha placa conmemorativa, Pachi, que estivo en todo momento acompañado pola súa filla e os seus irmáns –estes últimos atopábanse entre o público asistente ao acto de homenaxe– agradeceu, emocionado, este xesto da Corporación e da veciñanza. "Estou moi contento e moi emocionado", aseverou.

O artista non dubidou en facer un repaso pola súa traxectoria profesional, e recordou que "tiven uns comezos moi duros". "Era novo e non me deixaban andar coa música", dixo, e indicou que a primeira guitarra que lle regalaron "rompeuma meu pai na cabeza". Tras iso, Pachi púxose en folga de fame –aínda que recoñeceu que comía ás escondidas– para que lle comprasen outra. E conseguiuno. E aí comezou a súa profesión sobre os escenarios, que tivo un dos seus puntos máis álxidos na pasada Gala do Cocido celebrada no Lalín Arena, na que máis de 3.000 persoas animaron e fixeron a onda a este veciño lalinense.

O alcalde de Lalín, José Crespo, recoñeceu que "estaba seguro de que a actuación ía ser un éxito". Porén, "nunca imaxinei que o pobo de Lalín se volcase tanto contigo". E é que, tal e como recordou o mandatario, recibiu incluso máis aplausos que Omar Montes ou Beret.

"Se non se fixese esta homenaxe sería unha débeda que teríamos o Concello de Lalín con el", apuntou Crespo, que fixo fincapé no día no que tivo lugar este cálido recoñecemento: o día do seu 72 aniversario.

Ao remate da recepción no salón de plenos tivo lugar a actuación do tenor Cesáreo Torres no vestíbulo do Concello, que foi seguida dunha comida organizada por amigos do homenaxeado na explanada do Lalín Arena, amenizada por actuacións musicais e na que participaron ao redor dun cento de persoas.

Comentarios