Paco Vilariño arranca a campaña con Ana Pontón "para darlle a volta a Lalín co BNG na Alcaldía"

O Salón Teatro quedouse pequeno para acoller aos centos de veciños e veciñas que quixeron estrear a carreira cara o 28 de maio acompañando á voceira nacional do BNG e ao candidato en Lalín
Ana Pontón en Lalín. DP
photo_camera Ana Pontón en Lalín. DP

O BNG coa súa voceira nacional á fronte arrancou este venres en Lalín a campaña electoral. Ana Pontón escolleu a vila para dar comezo ás municipais do 28 de maio.

O Salón Teatro quedouse pequeno para acoller aos centos de veciños e veciñas que quixeron estrear a carreira cara o 28 de maio acompañando á voceira nacional do BNG e ao candidato en Lalín, Paco Vilariño.

O cabeza de lista agradeceu á voceira do BNG a súa aposta polo "noso concello" coma esceario do seu primeiro mitin de campaña, e sobre todo ao público que abarrotou o Salón Teatro da capital dezana pola "ilusión e as gañas" de cambiar Lalín.

Na súa intervención, Vilariño asegurou que o BNG no vindeiro goberno de Lalín "vai ser quen de darlle esperanza á xente". O cabeza de lista asegurou que concorre a estas eleccións "coa mellor candidatura con diferenza, unha candidatura de mulleres e homes valentes, preparados, dispostos a dar o mellor de sí para devolverlle Lalín á xente".

Vilariño asegurou que o BNG na Alcaldía o vindeiro mandato fará "un Lalín de iguais, un goberno sen filias e fobias, onde só prime o traballo polos veciños e veciñas, e non os favores aos amigos".

A candidatura do BNG da capital do Deza presentouse coma un equipo de xente que van a ser "arquitectos do futuro de Lalín, do cambio que o concello precisa para devolverlle o Concello de Lalín á xente". Por ese motivo, Paco Vilariño afirmou que nestas eleccións municipais "é fundamental o nacionalismo, porque é sinónimo de máis e mellores servizos públicos, acción municipal, promoción da economía e o emprego e políticas para a mocidade que que non use aos mozos e mozas coma moeda de cambio electoral".

O candidato nacionalista asegurou que o BNG ten un equipo e un programa de goberno "para darlle a volta a Lalín", empezando polo modelo urbanístico. Vilariño explicou que "no BNG temos experiencia na materia, e temos un modelo de vila pensado para as persoas, recuperando os espazos públicos para a xente e dinamizando así a economía e a vida nas nosas rúas".