Domingo. 16.06.2019 |
El tiempo
Domingo. 16.06.2019
El tiempo

Donsión recrea con mestría a matanza máis gastronómica

Matanza en Donsión. PATRI FIGUEIRAS
Matanza en Donsión. PATRI FIGUEIRAS

A parroquia lalinense acolleu a XX Matanza Tradicional, cun exemplar de 200 quilos

A parroquia lalinense de Donsión acolleu este domingo os actos de celebración da XX Matanza Tradicional do Porco.

Máis de 50 veciños colaboraron na organización deste evento, que cumpriu o seu vixésimo aniversario e que é, tradicionalmente, a antesala da celebración da Feira do Cocido. O evento contou con ducias de visitantes dispostos a gozar da recreación dun dos momentos máis tradicionais do calendario agrícola e gandeiro galego, que contou con outros elementos, como o xantar de confraternización, a posta en escea de distintas tarefas da matanza, ou unha exposición de coches antigos. O exemplar sacrificado pesaba preto de 200 quilos e aos actos acudiron entre outros o alcalde, Rafael Cuíña, ou os concelleiros Miguel Medela e José Manuel Fernández.

►A simulación da matanza é un dos actos que máis resposta de público despertan en Lalín na antesala da Feira do Cocido

A simulación da matanza é un dos actos que máis resposta de público despertan de entre todos cos que Lalín vai quecendo motores durante xaneiro e febriro de cara á súa prestixiosa Feira do Cocido, que este ano se celebrará o domingo 24.

En canto á cita do domingo, celebrouse na coñecida como Casa de Amador, un espazo tradicional cedido para a ocasión onde se reuniron ducias de espectadores, maiores e cativos, dispostos a rememorar con detalle como se producía a matanza tradicional, e nalgún caso incluso a pintalo a man alzada, escea a escea. Os veciños e veciñas de Donsión que participaron na recreación non deixaron detalle sen representar, desde o momento en que o cocho chegou ao banco no que sería sacrificado ata o proceso para liberalo de pelos e impurezas, o baleirado de vísceras, o despece, a salazón e o preparado dos chourizos e da zorza coa carne fresca. Ademais de asistir como público, o alcalde lalinense participou nalgún momento do proceso, por exemplo, na queima do animal para limpalo. Como manda a tradición, galletas, doces e augardente serviron para premiar aos matarifes e participantes en todo o proceso.

COMIDA. Ao término da representación celebrouse unha comida nunha carpa, na que se puido degustar un menú a base de empanada, xamón asado, chourizos, torresmos, filloas de sangue e outras sobremesas típicas como orellas, rosquillas, ou bica.

O evento contou con outros elementos, como a exhibición de coches clásicos no campo da festa e a música polas rúas de Os Gaiteiros de Moneixas e a Charanga Os Verbeneros.

Donsión recrea con mestría a matanza máis gastronómica
Comentarios