sábado. 19.09.2020 |
El tiempo
sábado. 19.09.2020
El tiempo

PRESIDENTE DA RAPA DAS BESTAS

Paulo Vicente Monteagudo: "En 2006 tíñamos cerca de 700 bestas e agora ao redor de 200"

Este veciño de Sabucedo, amante dos animais, seguirá unha liña continuísta da anterior directiva e deixa claro que o principal é o benestar dos animais. Demanda unha maior implicación das administracións para desbrozar os montes e asegurar a supervivencia dos cabalos

 

Paulo Vicente Monteagudo, novo presidente da Asociación da Rapa das Bestas, nun dos curros. PATRI FIGUEIRAS - InteriorDesde que tiña só seis anos Paulo Vicente Monteagudo está vinculado á festa estradense por excelencia, declarada de Interese Internacional: a Rapa das Bestas. Os veciños da parroquia de Sabucedo acaban de decidir que el será quen pilotará a asociación os próximos catro anos.

Esperábase este aplastante apoio dos veciños?
A verdade é que tanto non.

A parroquia tíñao claro: tiña que ser vostede o presidente.
Paréceme que si, que o tiña bastante máis claro ca min (ri).

Seguirá unha liña continuísta?
Si. Eu era o secretario da directiva anterior. Quero agradecerlle a Henrique (Bazal) todo o traballo que fixo, porque doulle unha volta espectacular a todo isto en todos os aspectos. Ata o de agora os equipos (uns levan o curro, outros o merchandising, o monte...) estaban traballando ben e as cousas estaban funcionando moi ben, polo que pensamos que o mellor é deixar as cousas como están.

Di que Henrique Bazal lle dou unha volta á Rapa das Bestas. En que sentido?
Levou a cabo unha serie de cousas como os estudos da Universidade para o control do gando ou aumentar o traballo de desbroces, xa que antes facíanse poucos. De feito, gastouse bastante diñeiro da asociación en realizar desbroces, xa que as administracións implícanse pouco neste aspecto, non están dispostas a facelo, e isto é esencial para o gando, xa que senón a manda da rapa mérmase. En 2006 tíñamos cerca de 700 bestas e agora ao redor de 200, e temos que buscarlle unha solución a isto, porque sen bestas non hai festa.

Futuro
"Isto pódese acabar se a nós se nos acaba a paciencia un día, pero non queremos, porque nós amamos ás bestas"

Por que se reduciu o gando tan drasticamente?
Nos incendios do 2006 morreron preto de cen animais. Outros morren debido a ataques de lobos ou porque non se desbroza e os cabalos teñen dificultades para pastar.

Tendo en conta a importancia da rapa a nivel internacional, pediuse implicación ás administracións para que movan ficha neste aspecto e axuden a desbrozar os montes?
A maior parte do traballo de desbroces facémolos nós cos nosos cartos. Necesitamos facer esos traballos que as administracións non son proclives a facer, xa que deles non sacan partido económico. Por outra parte, os usos do monte están variando cara á plantación de eucaliptos, por exemplo, e cada vez as bestas teñen menos campo de acción para poder comer. E iso claramente merma o número de bestas.

Peligra a continuidade da Rapa?
Nós precisamos cousas básicas, axuda. As administracións deberían de entender que isto é algo que nos convén a todos a nivel natural, de biodiversidade, para controlar os lumes ou para ter unha festa que se ve en todo o mundo. É máis, o cabalo debería estar no escudo de Galicia, é un animal que está en toda a comunidade e que está facendo un traballo extraordinario para que este matorral no que se pode converter o monte galego non vaia a máis, e as administracións deberían de ser conscientes do que teñen. Nós somos unhas 40 ou 50 persoas que facemos esta festa sen ningún rédito económico e polo ben de Galicia. Isto pódese acabar se a nós se nos acaba a paciencia un día, pero non queremos, porque nós amamos ás bestas. Pero hai un problema grande.

Descenso da manda
"Nos incendios do 2006 morreron preto de cen animais. Outros por ataques de lobos ou porque non poden pastar"

En que momento naceu a súa paixón polos cabalos?
Os que somos de Sabucedo levamos isto dentro. Eu empecei na rapa cando tiña seis anos. A partir de aí empezas a aloitar, pero non só para eses tres días de festa. Ser de Sabucedo é moito máis. Eu recordo que de neno, cos amigos e coa familia levábamos a andar aos cabalos, marcabámolos, coidabámolos cando os mordían os lobos. Nós convivíamos coas bestas.

Vostede na asociación centrouse na desparasitación dos cabalos, por que?
Porque desde hai uns anos chegou a conciencia do benestar animal e hoxe en día hai cousas que poden axudar a un animal a estar sa. E se nós os desparasitamos ese saneamento dúralle moitos meses, ata pasar o inverno. Víamos que no verán os cabalos estaban cheos de garrapatas e de moscas, e que co proxecto que puidemos comprar axudábamos ás bestas a estar nunha mellor situación para aguantar todo o inverno e pareceunos fundamental. Non é unha cuestión de visibilidade de cara ao exterior, é nosa, entendemos que os animais teñen que estar coidados.

Hai un tempo empezáronse a escoitar voces críticas coa rapa e algúns colectivos chegaron a falar de maltrato animal.
Eu son animalista. Nós tivemos conversacións con Pacma, por exemplo, e eles defendían que por que non faciamos a desparasitación e o corte de pelo nunha manga do monte, porque eles consideraban que isto era un espectáculo. A nosa argumentación foi que eles non saben como se comporta unha besta destas no medio dunha manga, porque cando a metemos alí porque o queremos marcar ou para cargar para levar a outra zona de monte non ten unha actitude amable cara ese encerramento, entón consideramos que a mellor forma de facer isto é con dúas persoas que collen á besta pola cabeza e polo rabo, inmobilízano e méteselle o desparasitante e córtaselle a crin. Son posturas encontradas e eles chegaron a darnos un pouco a razón. Que é un espectáculo? Si, é unha tradición e leva sendo así desde o século XVII. É unha decisión que nós tomamos seguir con ela. Nós entendemos que estamos a facer moito ben por estes animais e dende a propia asociación somos conscientes de que se hai algún comportamento negativo que poida influír na visibilidade da festa somos os primeiros que a queremos cortar. Temos un respecto do animal total. Ás veces tamén cremos que estas críticas veñen dun ‘animalismo de salón’ que non comprenden o que é o traballo no monte cos animais.

Como se prepara un aloitador para medir a súa forza coa dunha besta?
Moitas veces é máis maña que forza. Está claro que a forza é boa pero saber facelo é importante para non levar golpes. É unha cuestión de facelo moito, de saber se tes que ir contra un muro, se tes que evitalo, se tes que caer...

Cada ano son máis as persoas que visitan Sabucedo é que quedan ás portas, sen entrada. Plantexouse a posibilidade de facelo máis días?
Non temos pensado incrementar os días do curro. Os cabalos que temos son os que cremos apropiados para facer os tres curros e seguiremos nesta liña, pero facer máis non o vemos viable, tamén pensando no cansancio dos animais, xa que non temos que estresalos máis.

Paulo Vicente Monteagudo: "En 2006 tíñamos cerca de 700 bestas e...
Comentarios