Pechan a piscina municipal de Rodeiro tras un acto vandálico

Os atacantes baleiraron parcialmente a auga do depósito
A piscina de Rodeiro tras os actos vandálicos. FACEBOOK RUBÉN QUINTÁ
photo_camera A piscina de Rodeiro tras os actos vandálicos. FACEBOOK RUBÉN QUINTÁ

A piscina municipal de Rodeiro pechou este domingo como consecuencia das accións dun grupo de vándalos que non foron identificados, imposibilitando o baño aos veciños da localidade nunha das semanas máis calurosas do verán. 

WhatsApp Image 2021-08-23 at 17.39.31Os atacantes saltaron o valado e conseguiron entrara na zona subterránea da instalación municipal, onde se atopan os motores, os filtros ou o cloro. Alí tentaron manipular as chaves e "intentaron arrancar os motores de cloración", segundo informa o alcalde Rubén Quintá.

Unha das chaves manipuladas correspondía á do baleirado da piscina, polo que conseguiron expulsar gran parte da auga. "Por sorte non a deberon poder abrir de todo e non conseguiron baleirar por completo a piscina grande", afirma o rexedor. Con todo os vándalos si que foron capaces de deixar sen auga a piscina pequena, destinada aos rapaces.

PECHE DA PISCINA. Quintá lamentou o peche das instalacións municipais. "Temos que encher a piscina e logo tratar a auga de xeito que volva ter as garantías sanitarias todas". Ademais, para garantir o seu correcto funcionamento, os motores van ser revisados tras pasar polas mans dos vándalos. 

"Para encher a piscina utilizamos a mesma auga que subministramos aos domicilios do casco urbano de Rodeiro. Por iso temos que ir enchéndoa en función da dispoñibilidade de auga". Así, co fin de acelerar a próxima reapertura da piscina, estase a bomber a auga do río para tratala na ETAP situada na saída de Rodeiro cara Agolada, segundo indicou o alcalde, que condena de xeito rotundo este tipo de actos vandálicos "que puideron causar danos maiores sobre todo de índole medioambiental" 

Comentarios