As pedras xa contan historias en Forcarei

O Concello completa o proxecto que enlaza os principais recursos turísticos forcaricenses tomando a pedra como fío condutor
Algúns dos puntos de maior atractivo da ruta turística polo concello de Forcarei. DP
photo_camera Algúns dos puntos de maior atractivo da ruta turística polo concello de Forcarei. DP

O Concello de Forcarei completou estes días a execución do proxecto Pedras que contan historias, unha actuación que inclúe a instalación de 16 paneis intelixentes en puntos estratéxicos do municipio e a mellora da Área Recreativa do Cotelo coa colocación de novas pasarelas de madeira e bancos.

A iniciativa foi ideada para crear unha ruta de turismo de natureza que teña como fío condutor a pedra, elemento característico do territorio a través do cal os visitantes poden facer un percorrido pola historia do concello dende a Idade de Ferro ata a actualidade e coñecer as formas de vida dos seus habitantes, os costumes, as lendas e as tradicións, poñendo en valor castros, pontes medievais, as neveiras e os muíños, entre outros elementos.

O proxecto incide na vinculación dun recurso moi coñecido como As Neveiras de Fixó con outros como o Miradoiro de Grobas, aldea abandonada representativa da vida de hai un século no concello, e o Mosteiro de Aciveiro.

No marco desta iniciativa puxéronse tamén en valor elementos vinculados á Ruta das Pontes do Lérez, con paneis na Ponte de Gomail, na Ponte do Crego, no castro de Loureiro e na Área Recreativa do Cotelo. Neste último punto, ademais, realizouse unha actuación paralela para mellorar o acondicionamento da zona coa colocación de catro pasarelas de madeira accesibles, con material antiescorregadizo, e bancos, contribuíndo a facer máis atractiva a visita a este punto.

Os 16 paneis tecnolóxicos de tamaño A3 levan soporte de madeira e están adaptados para a súa integración na contorna. Levan información gráfica sobre os recursos e referencias que destacan o traballo dos canteiros da Terra de Montes, a forma de vida dos habitantes a través da historia, as lendas de tradición oral e os poemas e cantigas que inspiraron a persoeiros como o gaiteiro de Soutelo. Virxilio Viéitez e Chano Piñeiro tamén teñen presencia neste proxecto, así como outros lugares e recursos de interese como a Torre de Barciela, as Brañas de Xestoso, os petos de ánimas, o Camiño de Santiago e a gastronomía.

Os soportes que os sustentan teñen integradas antenas NFC (tecnoloxía de comunicación inalámbrica) que permiten o acceso á información simplemente con achegar o dispositivo móbil ao panel, sen necesidade de introducir ningún tipo de dato nin descargar una app específica.

Esta actuación está financiada na súa maior parte pola Deputación Provincial de Pontevedra e ten un orzamento de 31.489,60 euros. O Concello ía contar inicialmente co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, para afrontar este proxecto, pero a Administración municipal atopouse tras tramitar a subvención que tiña só dous meses para completar todo o proceso de contratación e execución, cando a propia memoria do proxecto xa prevía unha duración da obra dun mínimo de tres meses. O Concello solicitou unha ampliación do prazo, pero a Axencia de Turismo retirou a axuda, que a alcaldesa Verónica Pichel decidiu entón xestionar a través da Deputación Provincial.

O Concello de Forcarei continuará nos próximos meses realizando outras melloras na área recreativa do Cotelo, como a substitución de varandas, o arranxo do muro do muíño e o acondicionamento xeral da contorna.

Comentarios