Os Pendellos de Agolada volverán a albergar en xullo o Corazón da Artesanía

Será un encontro único que contará con demostracións en vivo, cursos e talleres, 'showcookings' e venda de produtos gastronómicos
undefined
photo_camera Presentación do encontro, este luns, nos Pendellos de Agolada. DP

Os Pendellos de Agolada volverán ser o centro de reunión dos oficios galegos da man de artesáns de toda Galicia. O Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia regresa con forza tras a pandemia, cunha novena edición que busca configurarse como un gran escaparate de promoción e de posta en valor dos oficios tradicionais galegos.

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e o alcalde de Agolada, Luis Calvo, presentaron este luns esta nova edición que se celebrará do 8 ao 10 de xullo.

Así, durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que se contará con demostracións de artesanía en vivo, 'showcookings' e venda de produtos gastronómicos, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos para todos os públicos, animado con música en directo e actividades para nenos.

Entre as novidades desta edición destacan as actividades formativas que van impartir dous recoñecidos artesáns de fóra de Galicia: o mestre do coiro José Luis Bazán, Premio Nacional de Artesanía 2021, e Simone Simón, especializada na cestería con esparto. Tamén con inscrición previa serán os cursos de bordado en lá, a cargo de Logaro (Ourense); de xoiería, impartido por Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela), recentemente galardoado co Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2021; e bordado ao aire, que impartirá Zeltia ao aire (A Coruña).

Así mesmo, entre os obradoiros que se celebrarán e serán abertos a todos os públicos destacan o de cestería impartido por Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), Premio Artesanía de Galicia 2021; o de elaboración de Sanandresiños a cargo de Jorge Bellón (Cedeira); o de tecido en alto lizo de Marina Seoane (Oleiros); o de remate de xoguetes de madeira, a cargo de Artesanía Silvent (Caldas de Reis); o de serigrafía artesanal con María José Martínez e José Antonio Carrera; e o de iniciación ao torno cerámico.

Expositores. Na edición deste ano está prevista a participación como expositores de máis de 35 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, entre os que se atopan obradoiros que participan por primeira vez neste evento e que representan diferentes oficios como a olería, a madeira, a pedra, o téxtil, o coiro, os coitelos, a elaboración de zocos e de zapatos, os xoguetes, a cestería, os labores de palla, elaboración de papel artesanal, as redeiras, a xoiería e a ourivería, as colareiras, a elaboración de instrumentos musicais ou a cerámica.

Comentarios