Ignacio Maril, candidato do PP: "Percibimos ansias fortes de cambio por parte dos silledenses"

O candidato popular da prioridade a pausar a construción do vertedoiro de Campomarzo
Ignacio Maril. DP
photo_camera Ignacio Maril. DP

Que espera dos vindeiros comicios?
Non esperamos outra cousa que non sexa gañar a Alcaldía, percibimos ansias fortes de cambio por parte dos silledenses e estamos convencidos de que eso se vai a traducir en votos.

Neste mandato leváronse a cabo importantes iniciativas como a humanización da rúa Progreso ou o comezo das obras da nova Casa Consistorial. Que opinión lle merecen estes proxectos?
Esas dúas obras son a maior mostra de como gobernou Manuel Cuiña, dunha maneira déspota e sen escoitar a ninguén. Di o seu lema que son a Silleda da xente aínda que o que demostrou é que en realidade pasan da xente. As dúas obras están feitas con moita contestación social, enganando aos veciños en canto a utilidade, ao orzamento e mesmo en canto a cuestións como o aparcamento, e as dúas son unha demostración de como non hai que facer as cousas. Obras si, pero contando coa opinión dos veciños.

Que lle reprocha a Cuiña?
Creo que o pero do actual alcalde é que a medida que se foi esgotando o seu proxecto ata o punto de que el mesmo dixo que dubidada de si xa chegara a hora de deixalo, perdeu totalmente a relación coa veciñanza e xestionou dende a prepotencia e dende quen pensa que non ten que dar contas a ninguén, nin tan sequera aos silledenses.

Que destaca do programa electoral do PP de Silleda?
É un programa extenso, pero feito dende o sentido común. O obxectivo do mesmo é claro, conseguir que Silleda recupere o seu dinamismo, como ben di o noso lema, queremos que Silleda se mova, e para iso hai que abordar os problemas como facer todo o que sexa para que non se instale o vertedoiro en Campomarzo, facer unha aposta seria polo rural, mellorando as súas infraestruturas, dinamizando a actividade empresarial e comercial, mellorando os servizos para atención aos maiores e dependentes, facer unha Silleda atractiva para a xuventude e desenvolvendo un PXOM que se non fora pola iniciativa da Xunta de Galicia aínda estaría paralizado.

Que é o máis urxente poñer en marcha en Silleda?
Creo con sinceridade que a situación é tan mala que urxente é todo, pero si que poñerse a traballar para frear a construción do vertedoiro en Campomarzo tornase algo que hai que acometer xa, sen perder un solo intre.