Pintura e manualidades para 'activar' aos maiores

Máis de 30 veciños e veciñas do concello de Valga reciben clases semanais no Auditorio e no CODI, con Ángeles Garrido como mestra
undefined
photo_camera Unha das participantes da clase de pintura. DP

Máis de trinta persoas están a participar semanalmente na actividade de pintura e manualidades que se imparte dentro do programa Campus Sénior, promovido pola Concellería de Benestar Social do Concello de Valga para fomentar o envellecemento activo das persoas maiores a través de propostas lúdicas e creativas.

A artista Ángeles Garrido é a encargada de impartir as clases, que se realizan en dous grupos, un no Auditorio Municipal e outro no CODI. Os participantes elixen que tipo de traballo queren realizar, con alternativas moi diversas, dende pintura sobre lenzo ata debuxo ou traballos con vidro ou sobre tella.

Con este tipo de actividades favorécese a socialización e que a xente volva a retomar o contacto, nalgúns casos perdido ou reducido debido á pandemia. Ademais, tamén lles axuda aos maiores a manterse activos e a transmitir as súas inquedanzas e expresarse a través da arte. "Nalgúns casos, cando chegaron non tiñan ningunha noción de pintura. Viñeron por probar e viron que lles gusta, por iso seguen", conta Garrido.

Comentarios