O Pleno de Silleda aproba a Conta Xeral de 2019, cun superávit de 400.000 euros

Os festivos locais para 2021 fixáronse o 9 de xullo, coincidindo co luns das festas patronais; e o 23 de agosto, coa Empanada da Bandeira
Sesión plenaria de Silleda do mes de setembro. CEDIDA
photo_camera Sesión plenaria de Silleda do mes de setembro. CEDIDA

O Pleno da Corporación de Silleda celebrou este xoves a sesión ordinaria de setembro, na que a aprobou definitivamente a Conta Xeral do ano 2019. O alcalde, Manuel Cuiña, deu conta dalgún dos datos máis relevantes do documento, que logo de estar en exposición pública tralo dictame do pasado mes de xuño, se aprobaba cos votos a favor do grupo de Goberno e do BNG. O PP, pese a sinalar que o documento é "técnicamente impecable", abstívose na votación.

En canto aos datos, o rexedor explicou que o superávit do pasado ano, que se destinou en boa parte ás axudas do programa Silleda Reactiva, foi de 398.141,58 euros, quedando o remanente de Tesourería en 703.327,24. "Cumpriuse ademais coa regla de gastos, o que tamén nos permitiu dar resposta ao plan económico-financieiro que houbo que realizar pola sentenza condenatoria trala débeda contraída con Indeza", engadiu.

Tamén se abonaron un total de 349.070,04 euros de débeda e se amortizou un dos dous créditos solicitados no seu día para o pago a proveedores de débedas atrasadas, do que restaban por pagar algo máis de 117.000 euros.

Os dous grupos da oposición criticaron que non houbera orzamentos en 2019 por cuestión "electoralista", e respostando á voceira do BNG sobre os remanentes e os plans do Estado para este, Cuiña reiteirou que a súa postura sobre os remanentes é a mesma, "e permanece invariable", engadiu o alcalde, que sempre se amosou contrario a entregar estes fondos ao Goberno estatal.

Na sesión aprobouse tamén por unanimidade a adhesión de Silleda á Rede de Entidades Locais para o desenvolvemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030.

Por outra banda, os festivos locais para 2021 fixáronse o 9 de xullo e o 23 de agosto. A proposta do Goberno contou co voto favorable do PP e a abstención do BNG.

DENUNCIA AO PP. No turno de rogos e preguntas, o voceiro do PP, Ignacio Maril, formulou unha batería de preguntas en relación a unha sentenza xudicial do mes de febreiro, a raíz de unha demanda por honor interposta polo alcalde ao popular. A sentencia dictada polo Xuzgado número 2 de Lalín desestimara a demanda e Cuiña resultou condenado a indemnizar a Ignacio Maril. Ao final do Pleno, Maril lamentou a actitude mantida polo rexedor, "no seu día intentou limitarnos o acceso os decretos a pesar de que non nolo podía prohibir, e hoxe novamente intentou cortarnos e chegou a amonestarnos intentando que non se falase da sentencia na que se acreditou que todo o que dixemos era certo, e que o alcalde e o concelleiro Klaus Brey se beneficiaron de procedementos especiais e que presionaron a técnicos para axilizar as súas licenzas".

Así, para os populares Cuiña e Brey "están totalmente desacreditados para seguir nos seus cargos. Hoxe tiñan a posibilidade de retractarse e pedir desculpas por todo o que fixeron, pero decidiron non facelo, polo que perderon toda a pouca lexitimidade que podían ter, enganaron os veciños e teñen que asumir as suas responsabilidades, e dende o PP non imos parar ata que non o fagan".

Comentarios