Pontecesures réndese á dama do Ulla

O municipio cesureño celebrou este domingo a XXV Festa da Lamprea, onde se repartiron máis de 350 menús degustación ► A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acudiu ao evento que opta a ser declarado de Interese Turístico de Galicia
Dúas das cociñeiras. GONZALO GARCÍA
photo_camera Dúas das cociñeiras. GONZALO GARCÍA

A Festa da Lamprea do Ulla de Pontecesures repartiu este domingo máis de 350 menús degustación nas súas vodas de prata e no ano no que o Concello de Pontecesures presentou a súa candidatura a Festa de Interese Turístico de Galicia. Unhas racións das que deron boa conta as persoas asistentes a esta festa gastronómica, algúns para desfrutar das tres elaboracións, outros para iniciárense no consumo deste peixe, compartindo menú en familia ou en grupos de amigos.

O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, destacou as dificultades xurdidas á hora de organizar esta festa pola escaseza de lamprea: "Foron semanas buscando por aquí e por alá o prezado peixe para poder desfrutalo hoxe (por este domingo). Gustaríanos ter podido facer milleiros de menús degustación pero non foi posible así que, os que teñades pensado comela, non vos distraiades moito porque nos las sacan de las manos".

O alcalde, Juan Manuel Vidal Seage, observa un exemplar de lamprea. GONZALO GARCÍA
O alcalde, Juan Manuel Vidal Seage, observa un exemplar de lamprea. GONZALO GARCÍA

Vidal Seage puxo en valor o novo formato da festa, cunha carpa na que se puideron degustar tres elaboracións coordinadas polo chef Miguel Mosteiro: á bordelesa (elaborada polas habituais cociñeiras da festa), en empanada (elaborada por unha panadería de Pontecesures) ou en escabeche, xunto coa bebida (refresco, cervexa o viño do municipio) por un prezo de 30 euros.

Cociñado dunha das tres elaboracións da cita. GONZALO GARCÍA
Cociñado dunha das tres elaboracións da cita. GONZALO GARCÍA

O rexedor estivo acompañado da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que quixo agradecerlle ao Concello de Pontecesures "o esforzo que fan para exaltar un dos produtos fundamentais para desenvolver social e economicamente este concello, como é todo o que ten que ver coa pesca e, en concreto, coa célebre lamprea do Ulla". Neste sentido, asegurou que "estes 25 anos da Festa da Lamprea son un bo síntoma de que estades facendo un traballo que é merecedor de conseguir ese recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia e agardamos poder seguir celebrando a festa da raíña do Ulla".

A conselleira do Mar dialoga cunha das cociñeiras. GONZALO GARCÍA
A conselleira do Mar dialoga cunha das cociñeiras. GONZALO GARCÍA

Finalmente, a pregoeira deste ano, a actriz Isabel Blanco, bromeou cos tres anos que levaba agardando para "pregoar as excelencias da Dama do Ulla, esa meiga do río... ou do mar, que xenera amores e odios. O certo é que non deixa a ninguén indiferente". Ademais, insistiu en que "para gustos, cores. E aos bos padaleadores non se lles perde unha cita coma esta en Pontecesures nin de broma, porque saben que a Dama sabe e que está deliciosa".

Degustación na carpa. GONZALO GARCÍA
Degustación na carpa. GONZALO GARCÍA

DOCUMENTAL. O salón de plenos da Casa do Concello de Pontecesures acolleu a presentación do documental Pontecesures, obra de Miguel Piñeiro. O alcalde da localidade destacou que o obxectivo deste traballo é "tratar de ser un revulsivo e dicir que Pontecesures ten por diante un futuro apaixonante na maneira en que todos traballemos na mesma dirección e lle poñamos ese cariño e esa afouteza como fixeron os que estiveron antes que nós". A conselleira do Mar, Rosa Quintana, tamén louvou o traballo, que considera que este tipo de proxectos son fundamentais "para ter os valores ben claros saber de onde vimos e cara onde queremos ir no futuro".

Os integrantes do Radio Club Tierra de Rosalía tamén estiveron presentes nesta festa, contactando con radioafeccionados de todo o mundo.

Comentarios