O PP reclama "solucións inmediatas" para a EP-8001, entre Caldas e Catoira

Os 'populares' rexistrarán unha moción para debater no pleno provinicial deste mes, a mesma que xa foi aprobada nas corporacións municipais dos dous municipios implicados
Varios deputados provinciais visitaron o tramo de concentración de accidentes da EP-8001.
photo_camera Varios deputados provinciais visitaron o tramo de concentración de accidentes da EP-8001.

O grupo provincial do Partido Popular reclama á Deputación de Pontevedra "solucións inmediatas" para a EP-8001, entre os concellos de Caldas de Reis e Catoira, unha estrada provincial perigosa, que concentra numerosos accidentes e que, de feito, así ten sinalizado un tramo de 4,5 quilómetros.

Así, os 'populares' piden que faga unha reforma urxente e en profundidade, que permita cambiar o trazado e eliminar as curvas máis perigosas, así como outras medidas adecuadas para incrementar a seguridade e que deixe de ser unha vía perigosa e con tramos de concentración de accidentes.

Pepa Pardo, xunto con outros deputados provinciais, visitou a estrada acompañados polos voceiros do PP de Caldas de Reis e Catoira, Fernando Pérez e Iván Camaño, respectivamente, e varios concelleiros populares.

A deputada 'popular' sinalou que "a Deputación ten a responsabilidade de garantir a seguridade nesta estrada, na que hai unha situación de extremo perigo que esixe dunha actuación en profundidade para minimizar os tramos de maior sinistralidade".

Por iso, avanza que os 'populares' rexistraron unha moción para debater no pleno provincial que se celebrará este mes e que, confían, conte co respaldo de toda a Corporación.

É a mesma moción que aprobaron recentemente en Pleno as corporacións municipais de Catoira e Caldas de Reis, no primeiro caso por unanimidade e, no segundo, coa abstención dos socialistas. "O Goberno provincial debe tomar parte e atender as reclamacións xustas e lexítimas destes concellos", engade.

Nesta liña, Iván Caamaño subliña que "urxe unha solución por parte da institución provincial, porque nesta estrada estanse producindo un número importante de accidentes, moitos deles graves. É unha reivindicación que desde o PP levamos tempo facendo, e que é moi importante para os veciños dos dous concellos, e para os condutores e peóns desta estrada".

Unha urxencia coa que coincide Fernando Pérez, que recorda que "desde que o PSOE e BNG están na Deputación non se investiu nin un só euro nesta estrada".

Compromiso. Ademais, Pérez pide a Carmela Silva que cumpra de xeito inmediato co compromiso que adquiriu persoalmente durante unha visita ao municipio de Caldas de Reis hai máis de tres anos, na que se comprometeu a construír unha rotonda xusto no punto de enlace da estrada coa peaxe da AP-9.

Outro dos puntos dos acordos inclúe instar ao Ministerio de Fomento a deseñar o proxecto e a contratación urxente das obras para que o nudo de Carracedo da AP-9 sexa completo, de maneira que se poida acceder a esta infraestrutura tanto en dirección norte como sur.

Tráfico intenso. Non hai que esquecer que a EP-8001 é unha das estradas provinciais que máis tráfico rexistran, concretamente están por riba dos sete mil vehículos diarios, en moitos casos industriais posto que esta é o vial que utilizan todos os coches e camións que proveñen da comarca do Barbanza para acceder á AP-9 dirección sur.

Comentarios