"Presidirei o PP de Lalín e se concluímos que debo encabezar a candidatura, pensaríao"

Logo de 25 anos na Alcaldía, José Crespo vén de cumprir tres á fronte da oposición, nun momento no que as relacións co Goberno están tensas

José Crespo. BLANCA PAZ
photo_camera José Crespo. BLANCA PAZ

Senta para conceder esta entrevista logo dunha reunión na Xunta para interesarse por proxectos municipais pendentes.

Que lle rouba máis tempo, o traballo a nivel local ou o do Senado?
Ó que máis tempo lle dedico é á vida municipal. Débolle moito e é no que realmente me sinto coma un peixe na auga. Non obstante, a experiencia no Senado é moi gratificante porque, sobre todo, deume a posibilidade de ver dende un prisma diferente.

Que foi o máis difícil destes tres anos na oposición?
Sen dúbida, aprender a poder ter unha relación co Goberno cuatripartito. Non é fácil polas mentiras ás que nos ten sometidos constantemente. Cando hai posibilidade dalgún pacto sempre termina padecendo do mesmo: ou ben eles non cumpren na súa parte ou ben queda en ‘auga de borrallas’. A verdade é que ó non estar no cargo de alcalde decátaste de que a visión que podías ter dende a túa atalaia é distinta véndoa dende a oposición e iso é enriquecedor. Estes tres anos déronme para aprender a facer oposición (e teño que recoñecer que non foi fácil despois de 25 anos de goberno) e tamén para reflexionar sobre posibles erros que cometemos. Pero o PP de Lalín xa está preparado para gobernar despois de anos de travesía no deserto. Aínda que foi duro, foi tremendamente enriquecedor. Creo que estes catro anos nos valerán para poder gobernar mellor, con máis sensibilidade cara aos nosos veciños e, sobre todo, ver o que non se debe facer.

Canto tempo hai que non recibe unha chamada do alcalde ou que vostede non o telefonea?
As relacións miñas con Cuíña non son cordiais. Houbo moitos fallos por parte do alcalde que non son de recibo. Despois de 25 anos de rexedor creo que merezo un respecto que nunca tiven por parte de Cuíña. Ó contrario, sempre intentou soterrarme, se é posible, canto máis fondo, mellor.

Non recibimos notificación sobre a denuncia de APAC. A propia edil recoñeceu que ten pouco percorrido xudicial 

Esperaba que fose así?
En absoluto. Foi unha decepción. As relacións persoais non son boas porque el engáname constantemente e non cumpre coa súa palabra. Ten actuacións que non son de recibo. Se chego a ser eu quen o fago tería que ter dimitido onde vai. El ten actuacións coma a de Luís Madriñán Crespo, onde se inventa un persoeiro ficticio para criticar ó PP e non pasa nada. É moi grave. É moi grave utilizar un pedáneo vilmente para os seus intereses políticos espurios e querer cargarlle o morto ao contrario. Iso non é legal, como tampouco o é que collan as cámaras do Concello, que están para vixiar actos vandálicos, e espíen á oposición. Non é normal que se invente un whatsapp de Rueda falando mal de min para destruirme no persoal. Este señor tiña que ter dimitido por moitas cousas.

A que atribue esa aversión que di ter por vostede?
Pois non o sei. As interpretacións poden ser varias. Pero el a quen odia é ó PP, un partido ó que, por respecto, debía dirixirse doutra maneira. Hai que decatarse de que el e moita xente da súa familia militou non PP. Sempre está sacando o que o partido lle debe, coma se fora unha hipoteca chinesa. Hai que ser honestos: é certo que Rafael Cuíña non está no PP, pero antes estivo e ben que aplaudía asnosas decisións. Creo que nunca estivo tan baixo o nivel de democracia en Lalín. Aquí cando alguén fala ben de nós ou mal del, ou atácao ou simplemente lle manda un recado. Iso en democracia é inadmisible, é froito dunha inmadurez como persoa e como político. Hoxe en Lalín hai medo a represalias por parte de Rafael Cuíña.

A relación co resto dos socios de Goberno non é mellor…
Aquí están todos unidos por un mesmo afán, que é que Cuíña como alcalde lle deixe cartos para as súas cacicadas e para atender ós seus amigos. Ó final iso é o que os mantén unidos no cuatripartito. Á parte da nula xestión con administracións como a Xunta, a Deputación ou o Estado, o que fan é rexer os cartos dos impostos directos e indirectos que pagan os veciños. É preocupante porque, con tanta festa e falta de planificación non teñen un proxecto para Lalín. Cuíña e o cuatripartito son perniciosos para o futuro deste pobo.

Estes catro anos na oposición valerannos para gobernar mellor, con máis sensibilidade cara os veciños

O pasado día 19 APAC facía pública a presentación dunha denuncia por presunta prevaricación contra o último Goberno que vostede presidiu. Chegoulle a notificación?
En absoluto. Nós de momento non recibimos nada. Estamos a disposición da Xustiza para aclarar calquera termo que estime, faltaría máis. Estamos convencidos de que Cuíña está detrás desa denuncia e que utilizou de brazo executor á concelleira de APAC. De feito, o informe que valeu para ese fin é o que encargou o alcalde coa desculpa de pagar os trienios. Vemos unha denuncia política. Eu e o meu grupo estamos tranquilos. A propia Lara Rodríguez, despois de poñer a denuncia, deu una rolda de prensa na que foi tan incauta que recoñeceu que aínda que o recorrido xudicial podía ser breve, o que lle importaba era o folclore político para facer dano. Non nos parece lóxico que Cuíña busque un brazo executor e despois diga que dende o punto de vista ético non o faría. Como se pode ser tan hipócrita? A quen pretende enganar a estas alturas? Coñecéndoo, é capaz diso e de moito máis. O cuatripartito, como aquel lema na época de Franco con respecto á Feira do Cocido, está "unido por un mesmo afán": o anti-PP.

Vostede está en constante contacto cos seus compañeiros de partido na Xunta. Un dos proxectos que está pendente é o da construción do Centro Integral de Saúde, a implantación da hospitalización a domicilio e o servizo de hemodiálese. Ten algunha novidade ao respecto no que a execución se refire?
Non teño outra notificación distinta da que anunciou o conselleiro, que estou convencido de que cumprirá coa súa palabra. Fíome del, que dixo que este ano estaría funcionando a hospitalización a domicilio e que están preparando as cousas para que o que vén poida funcionar a hemodiálese. O único que me preocupa é que o cuatripartito cumpra a súa parte. A Xunta enviou un protocolo de convenio para o Centro Integral e o Concello segue facendo a xestión á súa maneira. O que me preocupa é que por parte do Concello non se dea a resposta mínima para que a Consellería cumpra os seus obxectivos. Da a sensación de que prefiren que non lle fagan as cousas para poder criticar. Tendo en conta como dan estes señores as licenzas municipais e a forma de funcionar témome que terán que poñer as pilas.

O Goberno de Cuíña foi o peor da historia de Lalín desde a democracia. Serán catro anos perdidos

Falemos de vostede e das próximas eleccións municipais. Será o candidato do PP á Alcaldía?
Teño que dicir si e non. Estes tres anos dan para pensar en moitas cousas. Nestes momentos non podo ser todo o claro que vosdete quixera que fora. Temos un congreso pendente.

Hai data xa para el?
A idea é telo o día 1 de xullo. Polo que me din os compañeiros teño que ser eu o que presida o congreso; polo tanto, vou ser o presidente local, como fi xen nestes últimos anos. E fareino porque os compañeiros e a xente que atopo pola rúa me transmite ese apoio que precisa un para tomar esa decisión. O obxectivo do PP é recuperar o Goberno que está levando a Lalín á deriva. Podo achegar cousas moi boas a este pobo, ó que lle debo todo. A miña experiencia tanto no Goberno coma na oposición pode valer. Pero as persoas nos proxectos non son imprescindibles. Temos que preparar un equipo para reconquistar Lalín.

Vouno intentar doutro xeito. ¿Vostede séntese con forzas de liderar esa candidatura?
Eu síntome con forzas para presidir a nivel local o partido, para que de aí escollamos aos mellores para ese fin. Podo ser eu ou non. Daríame por satisfeito se o PP, coa lista que faga, reconquista a Alcaldía de Lalín. Para min sería un triunfo no personal e no político, estivera ou non nesa primeira liña. Que o meu partido recupere Lalín vai estar por enriba dos meus intereses persoais, porque entendo que este cuatripartito nos leva ó desastre e porque hai posibilidades de que se volva dar. Dende logo vou botar unha man onde me toque estar. Se chegamos á conclusión de que indo eu de cabeza hai máis posibilidades de reconquistalo, obviamente, pensaríao. Pero se ten que ser outra persoa, sen dúbida que estarei de acordo. E dende o punto de vista persoal íame ser bastante máis cómodo. Cando toque falaremos. Imos organizar unha lista gañadora. Se me presento para presidir o partido é porque quero estar nesa batalla.

A irrupción de Ciudadanos non me preocupa. Nós imos xogar a intentar sacar a maioría absoluta

Que fallou hai tres anos?
A verdade é que nos despistamos nalgunhas cousas, por iso nos desaloxaron. Pero iso vese dende a oposición. Se tivese que poñer a causa máis importante de ter perdido a maioría absoluta diría que foi o exceso de confi anza. Foi o noso pecado capital nas eleccións de 2015. Non estiven ó 100% porque pensei que non facía falta. Pero así como eu me confiei en exceso, ninguén do meu equipo me advertiu de que isto perigaba.

Nalgún momento pensou en tirar a toalla?
Non está no meu ADN. É imposible. Nacín batallando e morrerei batallando.

O panorama electoral que se presenta semella que será variado, coa irrupción de Ciudadanos. Que papel cre que xogará?
O Goberno de Cuíña será lembrado como o peor da historia de Lalín dende a democracia. Serán catro anos perdidos. Apenas fixeron nada no urbano e o rural está abandonado. Mellorar este Goberno non parece moi difícil; convencer ao electorado, si. Non lle temos medo na xestión, en proxecto, porque nós témolo e eles non. Imos intentar afrontar as eleccións con humildade, convencidos de que é posible consolidar unha maioría absoluta. Din que irrompe unha nova formación? Xa se verá. Non me preocupa. Nós imos xogar a intentar sacar a maioría absoluta porque imos ter os tres elementos básicos: un proxecto serio, ideas claras e un equipo humano. O meu obxectivo presidindo o partido vai ser motivar á nosa xente para que crea no proxecto que necesita Lalín.

Comentarios