O primeiro aceite con selo estradense

Unha das plantacións de oliveiras realizadas hai cinco anos co proxecto Cernes coloca o seu ouro verde no mercado

Elvira Blanco amosa dúas botellas de aceite, o primeiro estradense en saír ó mercado. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Elvira Blanco amosa dúas botellas de aceite, o primeiro estradense en saír ó mercado. PATRICIA FIGUEIRAS

TROUXÉRONAS os romanos e o seu cultivo comezou a desaparecer na época dos Reis Católicos, cando moitas delas foron cortadas por orde dos monarcas. As que sobreviviron daquela graváronse con taxas. Hai quen di que a medida se impuxo para castigar a Galicia pola revolta dos Irmandiños e outros apostan pola teoría de que foi para favorecer ao sur de España. O certo é que as plantacións de oliveiras tornáronse residuais no rural galego. Porén, ninguén discute que a produción de aceite e olivas forma parte da nosa tradición, hoxe recuperada por cultivadores, coma nas orixes, espallados por todo o territorio autonómico.

«Todo o mundo está sorprendido de que haxa oliveiras en Galicia, cando levan aquí moitísimos anos». Quen pronuncia esta frase é a propietaria dun deses cultivos recuperados. Elvira Blanco ten, xunto ó seu home, Lino Rey, un cultivo de case 1.000 oliveiras na parroquia estradende de Callobre.

Leva coidando delas dende 2013, cando realizou a plantación ó amparo do proxecto Cernes, pero xa antes na súa finca, situada ó carón da casa na que vive, medraba esta especie. Aínda conserva dúas oliveiras autóctonas «de meus avós ou bisavós» que seguen dando froito e enriquecendo o aceite que elabora e que sacou ó mercado, por primeira vez, este verán.

Onte comezou a recollida e, con case 1.000 árboles, conta superar os 600 kilos

A primeira colleita logrouna en 2016, apenas tres anos despois de plantar as árbores, pero rendeulle para saborear cinco litros do seu ouro verde, que serviu na cea de Nadal, para sorpresa da familia. Ó ano seguinte logrou reunir case 600 kilos de oliva. Xa con excedente para o autoconsumo, apostou por comezar a introducirse no mercado e embotellou arredor de 40 litros para comercializar a través de tendas de produtos naturais e carnicerías de A Estrada, Santiago, Sanxenxo e Portonovo, mercancía da que, por outra parte, non queda stock. Pode, porén, probarse nalgún evento, coma nas degustacións que estes días se ofrecen co gallo da IX Semana da Ciencia, en Pontevedra.

Así foi, pois, como naceu o primeiro aceite de oliva estradense que se comercializa, un produto que se vende co nome de "As Besadas", en honra á zona onde se colleita. O proxecto ten continuidade. Onte mesmo, na finca de Elvira comezou a recollida da nova campaña, un traballo que vai cun atraso de case un mes. «A oliva vese bastante grande, pero houbo moitos problemas coa polinización; caeu moita flor ó chan polas chuvias. Afortunadamente, non floreceu todo xunto, se non non teriamos nada», apunta.

Este ano conta con superar os 600 kilos de froito. Aínda «cun rendemento baixo» (precísanse uns 11 kilos de oliva para obter un litro), a calidade é indiscutible. «É un aceite suave, porque a arbequina galega, que cultivamos, ten máis potenciadas as súas cualidades aromáticas e no padal». No Nadal, ou un pouco antes, conta con poder probar a nova colleita, que será procesada en Ouro de Quiroga, unha almazara do concello lucense.

Lograr unha denominación de orixe ou unha Indicación Xeográfica Protexida para o aceite galego é unha das batallas que lle quedan por librar, da man da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna da Galicia, á que pertence.

Comentarios