Os produtores de aceite de oliva da Estrada planean crear unha cooperativa

O alcalde ofreceulles todo o apoio da Administración local para pór en marcha esta iniciativa "que permita profesionalizar o sector"
Reunión de José López cos produtores locais de aceite de oliva. DP
photo_camera Reunión de José López cos produtores locais de aceite de oliva. DP

Os produtores de aceite de oliva estradenses analizaron as posibilidades que existen para a creación dunha cooperativa que agrupe aos produtores de aceite de oliva 100% galego que desexen unir forzas, abaratando deste xeito os custos de produción e compartindo os seus beneficios. Arestora habería entre 35 e 40 de toda Galicia interesados en agruparse baixo unha marca única.

O alcalde da Estrada, José López, reuniuse este luns no Concello con produtores e mais con técnicos da Xunta de Galicia e amosoulles "todo o apoio da Administración local" para a constitución dunha cooperativa "que permita profesionalizar o sector e comercializar este produto tan valorado polos consumidores".

Durante a reunión, o rexedor local destacou o bo facer dos produtores, grazas aos cales "A Estrada estase a converter nun referente de actividade do sector primario". Anunciou que "antes do remate deste ano" estarán licitadas as obras para a rehabilitación das antigas escolas de Aguións co obxectivo de convertelas nun centro de apoio ao sector primario da Estrada, para o que serán adicados preto de 400.000 euros dos fondos europeos Edusi.

Ademais, José López avanzou que xa mantivo varias reunións co conselleiro de Medio Rural, José González, e con técnicos da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, para a creación dun centro de produción e transformación que estaría ubicado no antigo campo de fútbol de Aguións, cunha extensión dunha hectárea, e daría como resultado "unha gran área de apoio ao sector primario que permitiría abaratar custos e aumentar a comercialización do produto".

Comentarios