Nove proxectos recibirán máis de 430.000 euros de axudas do GDR PoNorte

O Grupo de Desenvolvemento Rural recibiu 29 solicitudes para poñer en marcha iniciativas subvencionadas polos fondos Leader
Luis López (esquerda) e Ramiro Ruibal. CEDIDA
photo_camera Luis López (esquerda) e Ramiro Ruibal. CEDIDA

O presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra Norte (GDR PoNorte), Luis López Diéguez, e o xerente, Ramiro Ruibal, ofreceron onte unha rolda de prensa para informar das subvencións aprobadas para a execución de proxectos ao abeiro da medida Leader na convocatoria 2020-2021. Concretamente, das 29 solicitudes recibidas e avaliadas, aprobáronse nove proxectos -tres produtivos e seis non produtivos-, que recibirán 431.159 euros en axudas e que suporán un investimento global de 868.612 euros.

Tras lembrar que os proxectos produtivos "son aqueles que teñen un enfoque empresarial e están orientados á xeración de riqueza", Luis López indicou que os tres proxectos produtivos aprobados foron os seguintes: obra e acondicionamento dun novo local para clínica na parroquia lalinense de Goiás, impulsado por Clínica Vapeba S.L., que supón un investimento de 430.171 euros e que recibirá 200.000 euros de axuda; automatización de termosellado e instalación de lactofermentador, enfriador e mezcladora, impulsado por Kalekói S.L., que supón un investimento de 28.386 euros recibirá o 50%; e proxecto de innovación impulsado por Carpintería Jar Novoa S.L., de 278.593 euros e que obterá 99.014 euros.

O presidente do GDR precisou que tamén foron aprobados seis proxectos non produtivos, destacando que catro foron promovidos por entidades públicas e dous por privadas. Os catro públicos son a posta en valor do castro da Goleta, promovido polo Concello de Lalín, cun investimento de 17.908 euros e unha axuda do 90%; posta en valor turístico do castro de San Paio, promovido por Vila de Cruces, que costará 15.306 euros e que obterá o 90%; sondaxes arqueolóxicas valorativas no castro de Garellas-Rodeiras, en Millerada, promovido polo Goberno local de Forcarei, cun investimento de 15.449 euros e unha axuda do 90%; e plan estratéxico de turismo de Forcarei, tamén impulsado polo Concello, qe costará 18.150 euros e que recibirá unha axuda do 88%.

Pola súa parte, os dous proxectos non produtivos con promotores privados son a adquisición dun vehículo para a Asociación de Amigos da Banda de Música Municipal de Agolada, cun investimento de 42.983 euros e unha axuda do 90%; e o proxecto de valorización turística do castro e túmulo de Doade, impulsado pola Asociación Amigos Casa do Patrón, de 21.665 euros e que recibirá o 90%.

Luis López precisou que dos 20 proxectos restantes, nove pasaron a lista de agarda, un desistiu expresamente para esta convocatoria e os outros dez foron rexeitados por distintos motivos.

Na súa intervención, Ramiro Ruibal indicou que a xestión das axudas Leader non é o único traballo que está a realizar o GDR e anunciou que presentaranse diferentes iniciativas relacionadas coa promoción da actividade turística no Xeodestino Deza-Tabeirós.

Comentarios