O PSOE de Valga reproba a actitude do alcalde por non querer sumarse á campaña En Negro

Pídelle á secretaria xeral de Igualdade un pronunciamento en contra da postura de José María Bello Maneiro e "dos insultos machistas" que emprega "con frecuencia durante os debates"

O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O PSOE de Valga vén de remitir unha carta á secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, para que censure "publicamente a actitude" do alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, quen no último Pleno, "rexeitou a adhesión do Concello á campaña En Negro". Ademais, pídelle "un pronunciamento en contra dos insultos machistas" que o rexedor –apuntan– "utiliza con frecuencia durante os debates".

"Valga, o concello galego máis asolado pola violencia machista no 2019 –en marzo, un home matou a súa parella e o pasado mes de setembro outro acabou coa vida da súa exmuller, a súa excuñada e a súa exsogra– era o escenario idóneo para mostrar un rotundo consenso político-social contra o machismo e contra as violencias machistas. Sen embargo, como de costume, o goberno municipal pon paus nas rodas ao intento de facer política en positivo e de mostrarse unidos contra esa lacra", explica a voceira do PSdeG de Valga María Ferreirós no escrito.

Segundo expón o texto, o alcalde defendeu que no Concello xa se fan "moitas cousas". "Son suficientes, funcionan e non se van facer actos de cara a galería como este que vostedes propoñen", asegurou.

Ferreirós laméntase na misiva a Susana López Abella de que "o Concello de Valga, a pesar de ser un dos máis afectados pola violencia de xénero é dos que menos traballo fai en materia de educación e sensibilización".

MACHISMO. Ademais, engade, "as faltas de respecto con connotacións machistas" do alcalde non son algo excepcional, pois ten utilizado frases como "ten vostede aptitudes tortilleras" ou "voume dirixir aos seus compañeiros varóns porque vou empregar un símil futbolístico, e vostede non entende de fútbol", ou mesmo no debate do pasado luns díxolle a unha concelleira: "parece vostede unha peixeira desas que venden na Praza".

"É intolerable que o goberno local actúe dun xeito tan irresponsable e hipócrita mantendo un minuto de silencio ao comezo do Pleno para minutos despois votar en contra da visibilización e sensibilización da violencia machista e logo utilice este tipo de insultos", sinala o comunicado.

A carta conclúe que a intolerancia do alcalde queda tamén exemplificada coa creación dunha" mesa de igualdade á que ningún representante dos partidos políticos da oposición foi invitado a participar.

MISIVA ENVIADA Á SECRETARIA XERAL DE IGUALDADE
Estimada Susana

Antes que nada quero deixar claro que non me dirixo a ti en calidade de voceira do PSdeG-PSOE no Concello de Valga, senón en calidade de muller. E fágoo para que teñas coñecemento directo de que no Pleno de Valga do pasado luns, 25 de novembro, o alcalde José María Bello Maneiro, rexeitou sumarse á campaña En Negro contra as violencias machistas. E o que é aínda peor, fíxoo, con argumentacións ferintes para calquera que teña unha mínima sensibilidade en materia de Igualdade.

Valga, o concello galego máis asolado pola violencia machista no 2019 era o escenario idóneo para mostrar un rotundo consenso político-social contra o machismo e contra as violencias machistas, sen embargo, como de costume, o goberno municipal pon paus nas rodas ao intento de facer política en positivo e de mostrarse unidos contra esa lacra.

Debes saber que o alcalde negouse a apoiar a campaña dicindo que “xa facemos moitas cousas, son suficientes, funcionan e non se van facer actos de cara a galería como este que vostedes propoñen”. Mesmo chegou a dicir que  “facemos máis que suficiente”, palabras que aínda que rectificou diante da incredulidade do resto dos concelleiros, soaron como un insulto ao ser proferidas na Casa do Concello do municipio onde se enterraron catro vítimas este ano, tres delas hai apenas dous meses.

Pero máis alá dos insultos machistas que denigran a Bello Maneiro, resulta intolerable que o goberno local actúe dun xeito tan irresponsable e hipócrita mantendo un minuto de silencio ao comezo do Pleno para minutos despois votar en contra da visibilización e sensibilización da violencia machista. A intolerancia do alcalde queda tamén exemplificada coa creación dunha mesa de igualdade á que ningún representante dos partidos políticos da oposición foi invitado a participar.

Quería poñer estes feitos e actitudes no teu coñecemento e pedirche como muller comprometida coa Igualdade, dado que ademais ocupas un cargo público de especial relevancia neste eido, o teu rexeitamento público, pois cando insultan, vexan ou maltratan a unha polo mero feito de ser muller, insultan, vexan ou maltrátanos a todas.

Valga, 27 de novembro de 2019
María Ferreirós

Comentarios