miércoles. 08.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 08.07.2020
El tiempo

O PSOE arroupa a Manuel Cuíña no seu novo asalto á Alcaldía de Silleda

Cuíña (centro), franqueado por Carmela Silva e Gonzalo Caballero. DP
Cuíña (centro), franqueado por Carmela Silva e Gonzalo Caballero. DP

A cúpula socialista ve ao seu compañeiro como "o mellor rexedor posible" para a vila

Obxectivo: revalidar a Alcaldía de Silleda. Con ese espírito se presentou este domingo o actual rexedor, Manuel Cuíña, como cabeza de lista do PSOE, nun acto no que estiveron presentes máis de 100 simpatizantes, ademais dalgúns dos pesos pesados do partido a nivel provincial e autonómico. Deste xeito, non faltaron á cita nin o secretario xeral, Gonzalo Caballero, nin a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que teñen claro que o seu compañeiro "é un alcalde comprometido e o mellor posible" para a vila.

Tanto é así, que Caballero ten claro que Manuel Cuíña é "un dos grandes rexedores do PSOE", un feito que está marcado "polo seu grande labor na xestión municipal". Por iso, o líder dos socialistas en Galicia augurou que Cuíña conseguirá "ampliar a súa maioría absoluta" nas eleccións municipais do vindeiro mes de maio.

Pola súa banda, Carmela Silva salientou "o compromiso" do rexedor socialista con Silleda. "Representa o mellor da condición humana", destacou a presidenta da Deputación, antes de asegurar que "é o mellor alcalde posible" e que o seguirá sendo tralas eleccións municipais. Así mesmo, prognosticou que "Gonzalo vai ser o próximo presidente da Xunta", porque é "unha persoa que cre no seu pobo". Por outra parte, Silva Silva advertíu de que "non se pode consentir" a desigualdade nin entre territorios nin entre homes e mulleres. "Somos o único partido que aprobou leis para acadar os dereitos que nos corresponden ás mulleres", enfatizou, consciente de que aínda queda traballo por facer, por exemplo, para atallar a fenda salarial.

XESTIÓN. Durante a súa intervención, o alcalde afirmou que a súa boa xestión económica está ratificada polos datos do Ministerio e que iso non é incompatible cos traballos para construír un campo de fútbol ou un Centro de Día Residencial. Desta maneira, Manuel Cuíña explicou que esta última era "necesidade urxente", pois "temos 15 veciños desprazados en residencias fóra do concello, para nós é moi importante que poidan volver a Silleda". Ademais, indicou que os bos números económicos permitiron que a vila pasase de ter, "durante máis de 20 anos a auga máis cara da comarca" a ter hoxe "a máis barata" ou a asumir os gastos do transporte metropolitano "que non abona a Xunta de Galicia".

No acto tamén interveu o secretario provincial do PSdeG en Pontevedra, David Regades, quen incidiu en que os socialistas "temos outro xeito de gobernar", como se aprecia agora na Deputación de Pontevedra. Seguindo con esa filosofía, Regades da por feito que o partido "volverá a ser a primeira forza política de Silleda".

O PSOE arroupa a Manuel Cuíña no seu novo asalto á Alcaldía de Silleda
Comentarios