O PSOE de Lalín acusa á Xunta de non loitar en contra das vespas asiáticas

Os socialistas esixen á Xunta que abandone a súa actitude de neglixencia, que pon en risco a integridade e a saúde dos individuos.

Retirada de velutinas mortas. DAVID FREIRE
photo_camera Retirada de velutinas mortas. DAVID FREIRE

O PSOE de Lalín acusa á Xunta de non empregar todos os recursos dispoñibles para loitar contra os efectos catastróficos que causa a avespa velutina, que afectan á agricultura e mesmo á saúde das persoas.

O PSOE considera unha irresponsabilidade que os protocolos trazados tanto pola Dirección Xeral de Emerxencias como pola propia Xerencia estean a prescindir dos medios e dotacións que existen no Parque de Bombeiros de Silleda, que significaría unha importante dose de eficacia para minimizar os danos que está a xerar este insecto.

Os socialistas esixen á Xunta que abandone a súa actitude de neglixencia ante este problema, que pon en risco a integridade e a saúde dos individuos.

Tamén invitan ao senador José Crespo Iglesias a que, no canto de amosar a súa satisfacción pública por retirar a colmea destas avespas que tiña na entrada da súa casa, faga algunha xestión pública para que a Xunta leve a cabo iniciativas eficientes que beneficien a todo o pobo de Lalín.

Segundo os expertos, a avespa asiática é responsable do 90% das picaduras por insectos que se producen nas áreas onde habita. Pode producir a morte a persoas alérxicas ou, en caso de ataque masivo, a aquelas que non o son pero cuxa saúde é precaria.

No mes pasado, rexistráronse tres mortes en Galicia polo veleno desta especie.

Comentarios