Sábado. 23.03.2019 |
El tiempo
Sábado. 23.03.2019
El tiempo

O PSOE de Lalín denuncia "cobros indebidos" nas peaxes da AP-53

Casares, na peaxe de SIlleda. FACEBOOK
Casares, na peaxe de SIlleda. FACEBOOK

Nicolás González Casares comprobou en varias ocasións como a máquina cobraba 1,15 euros de máis polo treito da capital dezana a Silleda

 O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Nicolás González Casares, mostrou este luns nun vídeo o "cobro indebido e excesivo" na peaxe da AP-53 no treito de Lalín a Silleda.

Casares, que fixo a proba varias veces, con diferentes vehículos  e que pideu a colaboración de varias persoas, constatou que Acega está cobrándolle aos conductores que fan a saída en Silleda vindo desde Lalín ou desde calquera punto do sentido de Ourense un total de 3,6 euros cando o marcado nas tarifas é de 2,45. 

O teniente de alcalde da capital dezana salientou que "desde Lalín a Silleda xa estamos soportando a ratio de prezo por quilómetro máis alta de España pero o que está sucedendo agora é un abuso brutal por parte da concesionaria". 

"A primeira vez que o detectei foi o 25 de novembro pero non lle din moita importancia pois levaba prisa e rara vez fago ese traxecto de peaxe, pero a finais de decembro volveume pasar e pulsei o botón protestei e rebaixaronme a peaxe. Ao día seguinte volvín probar e paguei, despois acompañado dun colaborador gravamos o video, pero aínda puiden comprobalo outra vez máis", explica o socialista.

"Desde que denunciei o asunto recibín a información de numerosas persoas as que lles estaba sucedendo o mesmo e incluso outras cuestións de cobros indebidos na AP-53 noutras peaxes", afirma Casares, que considera que Acega "ten que responder seriamente ao sucedido".

 Deste xeito Casares afirma que "a concesionaria sabe de seguro deste problema e moito me temo que non fixeron nada por arranxalo". Considera que Acega ten que dicir algo. "Se foi unha avería que a arranxen coa maior brevidade e que devolvan os cartos a todos os que pagaron esta sobrepeaxe que poden ser miles", apunta.

O socialista lembra tamén que cando se produxo a substitución de persoas por máquinas na peaxe de Silleda "desde o noso grupo político xa advertiramos dos riscos de que se produciran estas situacións, polo que ademais de destruír emprego están tamén aumentando os seus beneficios dun xeito vergoñento".

González Casares informou do problema ao alcalde de Silleda, Manuel Cuiá e a outros compañeiros do PSdeG-PSOE de concellos polos que pasa a AP-53 para ver que medidas se poden tomar.  Ademais anuncia que desde o PSdeG-PSOE de Lalín vaise levar este asunto a outras instancias, empezando polo propio Concello para que "non se abuse máis".

CARRIL DEREITO . O voceiro socialista lembra ademais que "non hai nin 15 días que vimos de aprobar no Concello de Lalín unha moción por unanimidade denunciando o estado lamentable do carril dereito en ambos sentidos que provoca moita inseguridade na conducción cando chove e provocando unha sobrecarga do carril esquerdo".

O PSOE de Lalín denuncia "cobros indebidos" nas peaxes da AP-53
Comentarios