O PSOE recalca desde Silleda a súa aposta polo sector primario galego

A comitiva socialista, en Silleda. DP
photo_camera A comitiva socialista, en Silleda. DP

A campaña socialista fixo este mércores parada na explotación gandeira SAT Herdeiros, situada en Laro (Silleda), onde David Regades puxo en valor ao sector primario desta provincia. "Somos a provincia máis rica de Galicia, a máis dinámica demograficamente e o motor económico, pero tamén temos retos, como o de apoiar ao sector primario e ao territorio interior", subliñou .

A comitiva socialista tivo ocasión de departir cos responsables da gandería silledense, xente nova que buscou no rural alternativas de vida en contacto coa terra e as súas raíces.

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, lembrou que o PSdeG-PSOE ten unha historia de compromiso cos sectores produtivos do país, co sector primario e especialmente cos gandeiros "aos que hai que dar a máxima dignidade".

Así, anticipou que queda traballo por facer para acadar condicións de produción más rendibles, tanto dende os gobernos de España como de Galicia.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, destacou que o interior ten todo, agás o mar, "pero temos que coidalo dende as Administracións. Só dende un sector primario forte os municipios rurais terán a forza necesaria para poñer en marcha outro tipo de políticas, como as turísticas".

Puxo o exemplo do mosteiro de Carboeiro, un dos BIC máis antigos de Galicia, "pero ata un lugar tan marabilloso como ese non tería o valor que debe ter se non está arroupado por un territorio cun sector primario con pulo".