Miércoles. 22.05.2019 |
El tiempo
Miércoles. 22.05.2019
El tiempo

"Queremos ver o turismo e a artesanía como unha industria"

Ana Rosa Cornado. FIGUEIRAS
Ana Rosa Cornado. FIGUEIRAS

Falamos con Ana Rosa Cornado, 'Tania', edila de Silleda e candidata do BNG

Hai uns meses, na súa toma de posesión como edila, en sustitución do compañeiro Da Torre, pedíu que se tivese en conta a conciliación nas responsabilidades municipais pola dificultade de compaxinar as obrigas laborais e familiares coas asistencias a comisións e plenos. En plena campaña isto xa será tarefa imposible... Como se organiza nas súas primeras municipais como cabeza de lista?
(Ri). Imos repartindo o traballo. Polas tardes vou ás parroquias e a última semana de campaña collereina de vacacións para centrarme.

É repartidora de pan no municipio. Isto permítelle ter un contacto continuo e directo cos veciños e coas súas necesidades diarias. Que lle transmiten?
Algúns si saben que son do BNG. Outros aínda levaron sorpresa (ri). Non acostumo mesturar as cousas. A xente quéixase do que se queixou toda a vida: que non lles arranxan o camiño, que non a atenden no Concello cando van protastar, do SAF, que ás veces é deficitario... E últimamente, dos prezos da nova Residencia. A min váleme para ver que o rural está moi abandonado, que está morrendo. A xente está moi soa e as casas cada vez máis baleiras.

Que promete o BNG que non ofrezan as outras formacións que concorren ás urnas?
Aparte dunha reactivación do rural, apostamos pola remunicipalización dos servizos, porque este alcalde é moi socialista, pero privatizar gústalle moitísimo. Hai cousas que son básicas, como a atención ós maiores, que non poden depender de empresas privadas. Outra das promesas que levamos é a baixada do IBI. Porque aquí fálase moito de boa xestión, pero en Lalín baixaron o IBI, en catro anos toda a débeda e nós seguimos co IBI máis alto da comarca e aínda con débeda. Ademáis, queremos ver o turismo e a artesanía como unha industria. Somos o concello con máis potencial da zona neste senso e, porén, a xente vén aquí, ve dúas ou tres cousas e acaba comendo en Lalín, en Vila de Cruces... Non queda. Incluso agora a Vía da Prata está perdendo peregrinos. Hai que potenciar iso.

De que aspecto do programa electoral se sente máis orgullosa de ter incluido?
O que de verdade prometo, porque é unha reclamación da xente dende non sei cantos anos hai, son os patios cubertos dos colexios. Paréceme incrible que vivindo onde vivimos, con chuvia constante, teñamos ós nenos e nenas á intemperie todo o ano. Os de Infantil do CEIP de Silleda non poden saír cando está mal tempo. Xa sei que é competencia da Xunta, pero haberá que chegar a un acordo ou asumilo o Concello. Non estamos falando de cantidades desorbitadas. O primeiro que faría se chego á Alcaldía sería isto. O segundo, a rebaixa do IBI.

O BNG formou parte do anterior Goberno local, nun bipartito co PSOE. A coalición non funcionou. Se se dese o caso de poder volver pactar, sentarían co PSOE ou con algunha outra tres formacións que concorren?
Co PP sería imposible. Estamos nas Antípodas. E co PSOE terían que cambiar moitas cousas. Sería algo que terían que dedicir os militantes e que eu asumiría aínda que non estivese de acordo. O meu corazón diríame que non.

Que tería que cambiar?
O candidato do PSOE foi reprobado polo BNG. Xa empezando por aí, sería moi difícil asumir un Goberno con Manuel Cuíña de alcalde de novo.

"Queremos ver o turismo e a artesanía como unha industria"
Comentarios