Cal é a orixe toponímica da Estrada?

A RAG amplía a súa serie con novos números

Presentación dos novos volumes da colección Terra Nomeada. EP
photo_camera Presentación dos novos volumes da colección Terra Nomeada. EP

A colección Terra Nomeada ampliou a súa serie sobre a toponimia galega, que se inaugurou co municipio pontevedrés de Agolada, aos concellos de Trabada, Begonte e Rábade, na provincia de Lugo; A Estrada en Pontevedra e Ames pola Coruña. 

A presentación destes novos números tivo lugar na sede da Real Academia Galega (RAG) coa presenza, entre outros, do seu presidente, Víctor Freixanes, xunto a autores desta colección. 

En concreto, Xulia Marqués asina o volume centrado en Trabada; Paulo Martínez Lema, dos concellos lugueses de Begonte e Rábade; Fernando Cabeza Quiles, o da Estrada (Pontevedra) e Xosé Ramón López  Boullón, o de Ames (A Coruña). 

Con todos eles, son máis de 1.200 os nomes de entidades de poboación analizados nunha serie editada pola RAG, en colaboración coa Asociación Galega de Onomástica.

O seu propósito é achegar ao público non especializado e dunha maneira científica, pero divulgativa, a orixe e o significado dos topónimos de Galicia. 

No acto, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, subliñou que "os nomes de lugar forman parte do corazón da lingua", patrimonio histórico no que se recoñece a memoria dos "antepasados". Por outra banda, avanzou que están en proxecto os números centrados nos topónimos de Carballo, Tordoia, O Riós, A Pontenova e Ribadeo.

‘Toponimia da Estrada’
Fernando Cabeza Quiles asina Toponimia da Estrada, dedicado ao concello no que pasou a nenez. O volume, publicado co apoio da Deputación de Pontevedra, profunda nos nomes das 51 parroquias e 516 lugares que converten este municipio pontevedrés no que máis entidades de poboación ten en España. A maiores destes nomes, tamén aparecen estudados con cadansúa entrada o microtopónimo O Cano Sifón e o río Vea.

A Estrada, en latín *(VIA) STRATA ou STRATA, substantivo ou participio pasivo de sternere ‘estender polo chan’, é un topónimo viario referido a unha estrada antiga que pasaría pola localidade que lle dá o nome ao concello.

Aínda que a parroquia de San Paio da Estrada foi creada no ano 1855 en substitución da de San Paio de Figueiroa, o topónimo A Estrada, que daquela debía dar nome a unha entidade moi pequena, xa aparece, cando formaba parte da devandita freguesía de Figueiroa, nun documento do ano 1556 do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago: "Juan Rabón, vezino del lugar da Estrada, feligresía de San Payo de Figueiroa".

En canto ao nome do río Vea, Fernando Cabeza Quiles explica que é un hidrotopónimo prerromano que se puido formar, segundo a proposta de E. Bascuas, a partir da raíz indoeuropea *WEL- 'facer xirar, xirar, dar voltas, auga que fai remuíños', que sería a base do medieval Velegia > Vea.

Comentarios